DUVI

Diario da Universidade de Vigo

108 novos titulados do Grao en Administración e Dirección de Empresas e 22 do de Economía

130 graduados da ‘xeración perdida’ chamados a “liderar o proceso de cambio económico”

O padriño das promocións, Fernando González Laxe, recordoulles que “a formación é a base do crecemen

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 13/06/2013

A mellor xeración de economistas do último século formouse na Gran Depresión dos anos 30, por iso a crise actual lonxe de considerse unha traba “favorécevos, xa que na adversidade é onde sacamos o mellor de nos mesmos”. Son os ánimos que daba Jorge Fálagan, padriño académico, aos xa 130 novos titulados que encheron o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no acto de graduación das primeiras promocións dos graos en Economía e en Administración e Dirección de Empresas. Unha emotiva xornada na que todo foron gabanzas para a “malchamada xeración perdida”, unha nova fornada encargada de “liderar o cambio de ciclo da sociedade tras os claros síntomas de desgaste do modelo actual”, como lles recordou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Un testemuño que os propios alumnos e alumnas recolleron con orgullo e ilusión, “preparados para enfrontar os retos do mañá. Chámannos xeración perdida, pero están moi equivocados, temos todo por gañar e non teñades dúbida de que o faremos”, salientaron os representantes do 108 graduados en ADE e dos 22 en Economía. “Moitos chegamos aquí sen vocación e sen saber ben para que servía un economista, aparte de para botarlle a culpa de todo. Pouco a pouco fomos aprendendo grazas a que tivemos uns excelentes profesores: o noso éxito é tamén o seu”, subliñaron diante dun salón de actos ateigado de familiares e amigos que quixeron arroupalos nun momento tan especial.

Achegas á sociedade

Estes novos profesionais que saen da Universidade de Vigo deben enfrontarse ao futuro cun dobre reto: descifrar non só como funciona a ciencia económica, senón saber como o fai en Galicia, un lugar con características propias nos que a psicoloxía ten moito que ver coas rentas. Así o sinalou o padriño da promoción, Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex presidente da Xunta de Galicia, para quen o sentido económico dos galegos está baseado “na xenerosidade e no rigor da administración, algo que me axudou moito na miña etapa no Goberno autonómico”.

Agora o futuro está nas mans de “novas xeracións ben formadas e preparadas para cumprir con todos os compromisos”, xa que “a cualificación e a preparación constitúen a base do desenvolvemento dun país e do crecemento dunha sociedade”. Nun acto no que quixo reivindicar o apoio á ensinanza pública, á investigación e á innovación, González Laxe fixo fincapé en todas as achegas que se poden facer dende as aulas para estimular á sociedade. “Hai uns días un alumno da Universidad de Massachussets, en Estados Unidos, conseguía poñer en xaque aos profesores Reinhart e Rogoff e sacar a relucir os erros do traballo que serviu como marco teórico para fundamentar todos os plans de axuste aplicados dende o FMI desde que comezou a crise. Sodes vos os que, co voso traballo, incitades á sociedade a corrixir os desaxustes”, recordou o catedrático.

Coas portas sempre abertas

Tanto o reitor como o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, José Santiago Gómez Fraiz, deixaron as portas abertas de par en par a esta nova promoción de graduados. “Estades a punto de dar o paso da vida académica á profesional e, aínda que o contexto actual non axuda, non desesperedes, xa demostráchedes que sodes capaces de dar o primeiro paso sen axuda de ninguén. Perseguide con ímpeto aquilo no que credes e volvede de vez en cando, porque nada lle gusta máis a un profesor que comprobar que os seus alumnos progresan axeitadamente”, afirmou.

Foron catro anos de adquisición de competencias que lles permiti rá “saír con éxito desta mala situación, na que é necesaria non só un cambio de modelo económico, senón tamén a recuperación de valores agora deteriorados”, salientaba Falagan. “Agora priman os comportamentos ilícitos, pouco exemplares, e vós, coa vosa capacidade, estades chamados a liderar ese proceso de cambio”, instigounos. Algo no que tamén insistiu a outra madriña académica, a profesora Ana Esther Castro, quen lles avisou de que “como economistas de empresa espéranvos novos retos que sacaredes adiante, pero debedes esforzarvos e seguir formándovos. Vivide o presente e cultivade o esforzo, o traballo e a empatía que demostráchedes como a mellor promoción que tiven ao longo dos meus 24 anos de traxectoria profesional”.