DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais da UVigo

14 anos traballando en prol da igualdade de oportunidades do alumnado 

Máis de 100 estudantes dos tres campus beneficiáronse do programa nun curso marcado pola pandemia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Rebeca López Villar DUVI 08/07/2021

A Universidade de Vigo traballa activamente na inclusión das persoas que necesitan condicións especiais para o desenvolvemento dos seus estudos, así como na mellora da súa experiencia universitaria. Dentro das iniciativas postas en marcha pola UVigo neste sentido destaca o Programa de Integración de Universitarios/as con Necesidades Especiais (Piune), que este ano cumpre 14 de existencia, e no que cada curso se inscriben alumnas e alumnos dos tres campus para acadar a axuda técnica, material ou psicopedagóxica que precisan. Neste sentido, as asistencias máis demandadas polas usuarias e usuarios do Piune son o apoio do Gabinete Psicopedagóxico, intérpretes de lingua de signos, recursos tiflotecnolóxicos, orientación ao estudo e adaptación de materiais de aprendizaxe. 

2020/21, un curso con máis solicitudes de atención psicopedagóxica

Coincidindo co décimo cuarto aniversario do Piune e malia a expansión da covid-19, o número de persoas inscritas no programa non diminuíu no curso 2020/21: dun total de 101 participantes, 56 foron atendidos no campus de Vigo, 30 no de Ourense e 15 en Pontevedra.  Precisamente, a pandemia tamén influíu na cifra de estudantes que necesitan atención psicopedagóxica, tanto que a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, asegura que entre sete e dez novas persoas alleas ao Piune requiren axuda deste servizo gratuíto cada mes. “A pandemia acrecentou os problemas de saúde mental na poboación en xeral e a Universidade non é allea a esta evolución”, afirma mentres fai fincapé na preocupación da UVigo por este incremento, “aínda que non sexa un número demasiado elevado”. 

Entre as inquietudes máis frecuentes do alumnado ao longo deste curso destacan “o medo á covid-19, a saír de casa e os conflitos coas compañeiras e compañeiros de piso ou coa propia familia polos episodios de confinamento”. Doval explica que as usuarias e usuarios están máis cansos, teñen problemas de insomnio, están estresados e presentan dificultades de concentración. Neste senso, recorda que calquera estudante pode acudir ao gabinete do seu campus “se sente falta de motivación nalgún momento” ou se desexa perfeccionar as súas habilidades e técnicas de estudo, aumentar o seu rendemento académico e aprender a xestionar o estrés. 

O Piune: voluntario, anual e efectivo

Alén do ámbito psicopedagóxico e segundo detalla Maribel Doval, “o Piune atende todo tipo de necesidades: físicas (lesións de orixe cerebral, medular, etc.), sensoriais, psicolóxicas (dislexia, discalculia, TDAH, TOC, altas capacidades, etc.), trastornos do control dos impulsos e da conducta, enfermidades raras ou crónicas, trastornos da comunicación e da aprendizaxe, etc.”. Así mesmo, o programa ten en conta as circunstancias persoais e a historia académica do alumnado para abordar complicacións derivadas de estancias hospitalarias ou de situacións de desvantaxe socioeducativa (vítimas de violencia de xénero, persoas refuxiadas, demandantes de asilo ou pertencentes a minorías étnicas, etc.). 

Todo o estudantado con necesidades específicas de apoio educativo pode solicitar a súa inclusión no Piune, unha iniciativa que comezou no ano 2007 e que é voluntaria, de carácter anual e axustada ás posibilidades individuais de cada participante. As persoas interesadas poden presentar a solicitude no momento que desexen, preferiblemente ao comezar o curso académico, achegando por enderezo electrónico a ficha de inscrición e os informes médicos ou calquera outro documento de interese.  

Despois da presentación da documentación, os órganos competentes avalían as peticións e preparan un plan adecuado ás persoas solicitantes, tendo en consideración as características de cada estudante e as súas circunstancias e dificultades. En todo caso, como se recolle no Regulamento de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo da Universidade de Vigo, as accións e adaptacións propostas pola comisión técnica buscan unicamente a igualdade de oportunidades do alumnado participante, mais non causan discriminación para o resto, pois “non van en menoscabo da adquisición de competencias, habilidades e coñecementos asociados aos estudos que estea a cursar”, explica a vicerreitora. Maribel Doval sinala que “tanto o estudantado do Piune como o profesorado e o PAS que está formando parte do mesmo” está satisfeito coas accións desenvolvidas polo programa e as valoracións son “moi positivas”. 

Implicación de facultades, equipos directivos, docentes, alumnado e persoal

Máis aló da persoa interesada, o Piune é un sistema que involucra a toda a comunidade universitaria, dun ou doutro xeito, xa que unha vez aprobados, os plans de atención personalizada son postos en coñecemento do centro implicado e do seu profesorado, a quen se lle proporcionan “recomendacións e protocolos básicos de actuación segundo a discapacidade ou a necesidade educativa específica”.

Doval lembra que cada centro ten unha persoa responsable Piune que se ocupa directamente do estudantado e fai de nexo entre o profesorado e a Unidade de Atención ao Estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (Unaten). Se o caso concreto o require, existe tamén a posibilidade de atención especializada por parte dunha titora ou titor, así como de acompañamento en actividades diversas por persoal voluntario da Universidade, bolseiras e bolseiros de inclusión ou asistentes contratados.