DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade achega ao tecido empresarial o seu potencial investigador nun Foro no CFV

1427 actividades de I+D contratadas en 2010 fan da Universidade un parceiro ideal para o empresariado

Da man do vicerreitor de Transferencia do Coñecemento e da directora da OTRI

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 25/03/2011
7,33 millóns de euros captados en actividades de I+D en 2010, 1427 actividades contratadas no mesmo ano, 19 solicitudes de propiedade industrial no mesmo ano... Estas son as cifras que move a Universidade de Vigo no eido da transferencia e que a converten nunha institución punteira que pon ao disposición da sociedade e do tecido empresarial todo o seu potencial.

Con este obxectivo púxose en marcha en febreiro o Foro de Diálogo Universidade-Empresa, un lugar de encontro para fomentar a transferencia de coñecemento, cooperar en innovación e promover a inserción profesional dos titulados. Ao seu abeiro este venres celebrouse un encontro entre os responsables de transferencia do coñecemento da Universidade e as empresas parceiras do Círculo de Empresarios de Galicia para presentarlles a oferta de capacidades de I+D+i da Universidade.

Esta primeira iniciativa do Foro representa unha vía de dobre sentido, de modo que os empresarios e directivos poidan coñecer a oferta investigadora da institución e estes poidan obter información sobre as necesidades de innovación dos diferentes sectores.

Números que falan por si sos

O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, foi o encargado de amosarlles aos empresarios a evolución desta cooperación necesaria, mentres que Ángeles López, directora da OTRI, presentou as cifras concretas, acompañados por Xavier Martínez Cobas, comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade e Jesús Bahillo, director xeral do Círculo de Empresarios de Galicia.

Segundo explicou a directora da OTRI, a función de transferencia das universidades ten tres vertentes principais: por unha banda contratos e proxectos de I+D colaborativos, por outra patentes e licencias e finalmente a creación de empresas baseadas na investigación. Para acadar estes resultados, dende a OTRI trabállase na xestión da oferta das capacidades de I+D e os servizos, afóndase na relación co tecido empresarial, xestiónase a protección e explotación dos resultados e organízanse actividades de divulgación.

Os resultados deste traballo avalan o potencial da Universidade de Vigo neste campo e convértena nun aliado estratéxico para o empresariado galego. No 2010 contratáronse 1427 actividades de investigación, que supuxeron para a Universidade a captación de 7,33 millóns de euros. Ademais, dende 1992 solicitáronse 180 patentes nacionais, 5 europeas, 17 internacionais, 3 marcas e 17 modelos de utilidade. No que respecta ás EBTs, creáronse 15 empresas e titorizáronse 19 proxectos.

Mecanismo de transferencia

Ángeles López presentoulles aos empresarios as diferentes vías colaboración cos grupos de investigación, xa sexa a través de contratos de I+D, de proxectos de investigación colaborativa, de acordos de licenza, da creación de spin-offs ou doutros mecanismos como o asesoramento, a mobilidade de persoal ou servizos científico-técnicos especializados como ensaios ou análises.

Presentou tamén a directora da OTRI a oferta de I+D+i da Universidade, achegándolles aos empresarios os grupos de investigación que traballan en eidos como o deseño e a produción industrial, as enerxías renovables, a xestión do patrimonio cultural, novos materiais, organización de empresas, recursos naturais, tecnoloxías alimentarias e tecnoloxías da información e a comunicación.