DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convocados pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes

14.400 euros conforman o total dos premios dos concursos de creación artística

Repartiranse entre as modalidades de fotografía, creación audiovisual, música e pintura

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 09/04/2010
Na súa aposta pola creatividade e a expresión artística, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes achega unha nova proposta á comunidade universitaria coa convocatoria dos concursos Universidade de Vigo´10. Un total de 14.400 euros repartiranse entre as modalidades de fotografía, creación audiovisual, música e pintura que compoñen os concursos. A data límite para a presentación dos traballos remata o 25 de xuño e poderán depositarse no Servizo de Extensión Cultural do Edificio Miralles e na ETS de Enxeñeiros Insdustriais no campus de Vigo, na EU de Enxeñaría Técnica Forestal no campus de Pontevedra e no Edificio Administrativo no campus de Ourense.

VII Certame de fotografía

No sétimo certame fotográfico, os participantes poderán presentar as súas obras, de temática libre, segundo dúas categorías, unha de serie, que estará composta de tres a cinco imaxes e outra de fotografía única. Os traballos poderán ser tanto en cor como en branco e negro e de tamaño libre, sempre que sexan presentados montados sobre cartón-pluma. O xurado, conformado por membros da comunidade universitaria e fotógrafos profesionais, seleccionará aos gañadores que recibirán un premio de 900€ na modalidade de serie e de 600€ na de categoría única. Tamén se entregarán accésits de 300€ e 200€ respectivamente.

VIII Premio de creación audiovisual

Curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario son as cinco modalidades de traballos que compoñen a convocatoria de creación audiovisual. Na categoría de vídeo publicitario, as bases establecen que non se pode facer referencia a ningunha marca comercial e a peza deberá acompañarse por un dossier no que se inclúa briefing, estratexia e obxectivos do proxecto. En todas as modalidades a temática é libre e as obras poderán ser presentadas en calquera soporte magnético e cunha duración que non exceda os 15 minutos de duración pero enviando sempre unha copia en DVD para o visionado do xurado. Cada participante ou grupo de traballo poderá presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades. Os premios establecidos pola organización son de 1200€ para os mellores traballos e un accésit de 500€ en cada modalidade.

VIII Premio de maquetas de música

No premio de maquetas de música poderán participar nas categorías de folk e pop/rock os solistas que sexan membros da comunidade universitaria, ou ben grupos que teñan entre os seus compoñentes polo menos dous membros da comunidade universitaria. Non poderán tomar parte no concurso todos aqueles que teñan publicado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade. As maquetas deberán entregarse en soporte CD, cun mínimo de tres temas orixinais e as galardoadas en cada modalidade recibirán un premio de 1200€. A Universidade resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores en cada modalidade así como promover actuacións das bandas nos tres campus.

VIII Premio de pintura

Por último, o concurso de pintura ofrecerá un premio único de 1500€ para a mellor obra presentada, deixando á elección do artista a técnica pictórica, cun tamaño non superior aos 150 cm na maior das súas dimensións. Nesta ocasión o xurado estará composto por membros da comunidade universitaria e por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito das artes. Ademais, as obras seleccionadas poderán utilizarse en exposicións no ámbito da Universidade, mentres que a pintura gañadora pasará a formar parte dos fondos de arte da institución.