DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O premio do xurado foi para "Marca’dor" do Teatrubi e Asta de Covilhá

A 14ª MITEU baixa o pano cunha media de 300 persoas por espectáculo

En total pasaron pola mostra máis de 9000 espectadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 29/04/2009

30 espectáculos e máis de 200 artistas chegados de tres continentes pasaron polo escenario da 14ª MITEU que tras dúas semanas de intensa actividade baixa o pano batendo os récords de anteriores edicións cunha media de case 300 persoas por espectáculo. “A acollida do público foi excelente, superamos as cifras de asistencia dos anos anteriores, aproximadamente a MITEU contou en total con 9000 espectadores”, comenta orgulloso Fernando Dacosta, director da mostra.
Os cheos nos teatros foron recorrentes e moitos espectáculos tiveron que colgar o cartel de localidades esgotadas. Agora quedan os bos recordos da experiencia e os vínculos que se crearon entre os diferentes grupos teatrais. A MITEU despídese con bo sabor de boca e deixando claro que “é unha mostra moi coñecida que conta cunha base de espectadores moi grande, activa e que cada ano aumenta”.
A última sesión da MITEU deu comezo co Teatro Principal ateigado de público ansioso por coñecer os premiados nesta edición. Foi o grupo Excepte Teatre de Manacor coa súa obra El malant imaginari o que conseguiu facerse co favor do público saíndo elixida como a mellor representación. Pola súa banda, o premio do xurado Carlos Couceiro 2009 foi a parar ás mans do grupo Teatrubi e Asta de Covilhá e a súa obra Marca’dor “por ser un sopro de vida na MITEU e porque a beleza do voso suxerinte soño fixo que nos deixásemos levar emocionados”, declarou Sonia Ferro, unha das compoñentes do xurado . Ademais tamén recibiron mención especial os espectáculos Ponto de fuga de Gretua, Construyendo a Verónica da Aula de Teatro de Burgos, Máquina Muller da Aula de Teatro e Danza de A Coruña e Desejo de Mâe do Grupo de Teatro do Oprimido de Ginea Bissau.
Tras a entrega de premios deu comezo a última obra da mostra, o espectáculo de Hide (Oculto) da Aula Maricastaña.

Un triller teatral

A Aula Maricastaña e a súa obra Hide (Oculto) conseguiron colgar o famoso cartel de “non quedan localidades”. O seu espectáculo asustou, emocionou e tamén fixo rir a todos cantos estaban na sala. Baseada no Jekyll y Hyde de Robert Louis Stevenson, os actores e actrices universitario presentaron unha revisión da novela na que “a orixinalidade da dramaturxia reside na mestura cunha posible versión do que foi a historia de Jack o Destripador”, explica Dacosta. Latente no espectáculo queda o perverso xogo político dos poderosos que queren controlar todas as parcelas da sociedade e que se representa cunha Irmandade secreta da que Jekill forma parte. De xeito máis obvio amósase o mito do famoso científico que quixo crear outro eu sen moral nin concepción do bo ou malo.