DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha trintena de espectáculos serán representados dende o 15 ata o 28 de abril

A 14ª MITEU inicia a súa andaina cunha peculiar viaxe cara calquera parte

Alumnos das aulas de teatro Rosaura e Maricastaña ofreceron un desfile polas rúas

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 16/04/2009

Desafiando á choiva e ao vento a 14ª MITEU iniciou a súa viaxe co tradicional desfile teatral polas rúas da cidade. Os actores e actrices das aulas de teatro universitarias Rosaura e Maricastaña ao ritmo da charanga formada por membros da agrupación Sonoro Machineda, foron os encargados de dar comezo á mostra cun espectáculo que encheu de cor e bo humor as rúas. Dende o parque de San Lázaro e ata os xardíns do Padre Feijoo, os actores universitarios representaron unha peculiar viaxe con maletas, retrasos de avións e portas de embarque , incluídas, con destino Cara a xalundes, o que ven a ser “cara calquera parte”, explicou Fernando Dacosta, director da mostra, mentres seguía con atenta mirada cada paso dos seus alumnos. No trasfondo deste espectáculo "atópase a idea de que a MITEU, dalgún modo, é unha viaxe sen moverse das butacas, segundo os países que veñen e as historias que nos contan podemos empatizar con eles e sentir que nos desplazamos a distintos lugares”, explicou Dacosta.
Pola rúa ninguén quedou indiferente ao que estaba a suceder, algúns como Alexandre Silva, estudante de Educación Social, cualificaron o espectáculo como “unha iniciativa moi boa” e quedaron abraiados “pola cantidade de xente que conseguíu atraer e mobilizar”. Para outros como César Rodríguez, tamén estudante, o máis interesante foi “como lograron integrar o espectáculo na rúa e conectar coa xente para que colaborase con eles”.
Na apertura do certame tamén se puideron ver caras coñecidas do Concello de Ourense como o tenente-alcalde, Alexandre Sánchez, quen non se quixo perder o espectáculo. Para Sánchez grazas a MITEU “conseguimos ser o centro de referencia das artes escénicas non só en Galicia senón fóra da nosa comunidade”. Destacou ademais que “dende o Concello apóstase pola programación teatral e porque esta sexa un dos sinais da cultura da cidade, por iso é unha satisfacción ver como responde a xente a estas actividades”.
Ao remate do desfile, a festa das artes escénicas continuou baixo teito no Auditorio Municipal co espectáculo Quando non avró piú male, unha versión libre da Antígona de Jean Anouilh representada polo Gruppo limpido da Compañía de Banda Kurenai de Génova. Xa para rematar a xornada inaugural da MITEU, os alumnos do grupo de teatro de segundo nivel, a aula Cordelia, representaron no Teatro Principal a obra Malos tragos, unha serie de monólogos unidos entre si por coreografías, escenas variadas que fan transitar ao espectador por múltiples emocións acompañando os momentos difíciles da vida.

De Manacor á Coruña

A MITEU continuará a súa viaxe ata o 28 de abril ofrecendo pasaxes para espectáculos clásicos e modernos, concertos e exposicións. Polo pronto dúas novas representacións agardan para este xoves 16. A primeira terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Principal e levaranos a descubrir ao famoso personaxe de Molière, O enfermo imaxinario. O Excepte Teatre de Manacor será o encargado de darlle vida a Agamont, un vello hipocondríaco que inmerso nas súas teimas e sufrimentos ignora todo o que sucede ao seu redor.
O segundo dos espectáculos para a noite do xoves será Máquina Muller, baseado na obra de Heiner , Muller Máquina Hamlet. Esta revisión da coñecida traxedia, será realizada pola Aula de Teatro e Danza da Universidade de A Coruña e nela achegaránnos a este tráxico personaxe reinventado que observa a deriva de Europa nos últimos anos do pasado século. Nesta ocasión a cita será ás 23.00 horas no Auditorio Municipal.