DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

15 cursos de diversas áreas conforman a oferta de estudos de posgrao e formación continua para o 2009-2009

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 30/07/2008

Sanidade, empresa, pesca, medio ambiente economía e contabilidade son só algúns dos ámbitos que abarcan os cursos que a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa ten previsto impartir no vindeiro curso académico. Dentro desta oferta de posgrao e formación continua destaca como novidade a primeira edición dos estudos de Especialista en Organización das Actividades Produtivas e en Dirección e Xestión de Recursos Humanos e o Curso de Formación en Atención a Persoas Maiores, que se unen a outros xa veteranos como o Máster en Auditoría e Contabilidade e o Curso de Especialista en fisioterapia Termal e Balneoterapia.
“Deste xeito, a Universidade conta cunha oferta moi ampla e completa”, tal como explica Pedro Membiela, vicerreitor de Innovación Educativa, que engade que “a gama de duración dos cursos é moi variada para adaptarse ás necesidades daqueles que están a traballar”. Do mesmo xeito, a oferta “é moi flexible en canto a titulacións de acceso”, continúa.

Especialista en Organización das Actividades Produtivas e Especialista en Dirección e Xestión de Recursos Humanos

Froito dun convenio coa Consellaría de Traballo, a Universidade impartirá entre os meses de setembro e decembro os cursos de Especialista en Dirección e Organización de Actividades Produtivas e en Dirección e Xestión de Recursos Humanos, dirixido a titulados universitarios ou profesionais que, estando inscritos na oficina de emprego como parado, acrediten un mínimo de tres anos de experiencia profesional no sector.
Organizado dende o Departamento de Organización de Empresas e Márketing, o Curso de Especialista en Dirección e Organización de Actividades Produtivas combina os aspectos teóricos, como xestión de inventarios e control de operacións, cunha parte práctica. As clases desenvolveranse de luns a venres nas aulas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias.
Pola súa banda, o Curso de Especialista en Dirección e Xestión de Recursos Humanos, que se imparte no mesmo centro, conta con 17 créditos teóricos e 13 prácticos. Os seus contidos divídense en catro módulos que abarcan temas como as actividades administrativas e os retos actuais da función de recursos humanos.

I edición do curso de Formación en Atención a Persoas Maiores

Dirixido a persoas que traballen ou desexen dirixir a súa actividade profesional aos colectivos de persoas maiores, a primeira edición deste curso, impartido na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, inclúe 90 horas teóricas e 60 prácticas.
En horario de catro a oito os venres e de nove a unha os sábados, os estudos abarcan unha grande variedade de materias que van dende o envellecemento do sistema cardiovascular ata os programas de atención doméstica, pasando polos síndromes xeriátricos máis frecuentes.

Un curso para profesionais da electrónica

Os profesionais con experiencia en microprocesadores e circuítos de lóxica programable (PLDs, FPGAs), teñen á súa disposición a primeira edición do Curso de Formación en Xilinx Edk. para especializarse no deseño de aplicacións encaixadas con microblaze e Power P-C. Dado carácter concreto destes estudos, os solicitantes de praza deberán reunir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o coñecemento da linguaxe VHDL e o manexo da ferramenta Foundation ISE de Xilinx para o deseño con FPGAs.

Saúde e benestar en tres cursos

A actual preocupación que se vive na sociedade no referente a saúde e benestar físico e mental vese reflexada na oferta de estudos que ten preparada a Vicerreitoría. Para cubrir este campo pon a disposición do alumnado o VI Curso de Especialista en Fisioterapia Termal e Balneoterapia, o III Curso Complementario en Vendaxes Neuromusculares e o II Máster en Ciencias da Enfermaría. Os dous primeiros serán impartidos na EU de Fisioterapia do campus de Pontevedra e as sesións docentes do último terán lugar na Facultade de Bioloxía de Vigo.

O sector empresarial

O mundo empresarial ten a súa representación no catálogo de oferta formativa para o 2008-2009 no II Curso de Especialista en Fiscalidade empresarial, no VIII Máster en Auditoría e Contabilidade e nos II cursos de Formación en Sociedades Cooperativas e Autoemprego e Xestión de Riscos.
Impartida na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a segunda edición do Curso de Especialista en Fiscalidade empresarial inclúe unha serie de módulos teóricos, que se complementan con casos prácticos e módulos titoriais. Os temas que abarca van dende a renda das persoas físicas ata o imposto sobre o IVE, pasando por aspectos como as transmisións patrimoniais e os actos xurídicos documentados.
Pola súa banda, o Curso de Sociedades Cooperativas e Autoemprego dispón dun máximo de vinte prazas e será impartido na Facultade de Ciencias Económicas e do Traballo de luns a venres en horario de catro a nove da noite.
A sétima edición do curso de especialista en Auditoría e Contabilidade abordará unha ampla variedade de temas, entre os que se atopan os aspectos legais da auditoría de contas, os sistemas de acumulación de custes, a consolidación de contas, a análise patrimonial e a valoración de empresas.
Por último, o II Curso de Xestión de Riscos vai dirixido exclusivamente a alumnos de segundo ciclo das licenciaturas de Administración e Dirección de Empresas e Economía, que desexen especializarse neste ámbito.

Para completar o catálogo

A quinta edición do Curso de especialista en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social é unhas das propostas xa consolidadas da Vicerreitoría de Educación e Innovación Educativa. Trátase dun título propio vinculado a un programa de doutoramento que afonda nas normativas, aspectos civís e dereitos penais do menor, entre outras cuestións.
Doutra banda, o IV Máster en Economía e Xestión da Pesca e da Acuicultura ven a ofrecer formación a profesionais que desexen especializarse nun campo que está en auxe na nosa comunidade. Para completar os módulos teóricos inclúe prácticas de laboratorio e de campo, así como a elaboración de informes relacionados cos temas impartidos.
A protección do medio ambiente e da natureza é outra dos ámbitos que está a cobrar relevancia na nosa sociedade e para formar especialistas na materia, a Universidade oferta a segunda edición do Curso de Formación en Educación Ambiental, que se desenvolverá nas aulas da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense.
O mundo da bolsa, un gran descoñecido polo público en xeral, tamén ten o seu oco no catálogo para o vindeiro curso a través. Na súa sexta edición, estes estudos abordan, entre outras cuestións, o funcionamento do mercado, os produtos financeiros e a súa fiscalidade e a análise do ciclo económico e bursátil.

Máis información: http://apv.uvigo.es/cursos_posgrao/cursos/cursos.php