DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Diana Martínez presenta un traballo de investigación sobre o artista ourensán

15 entrevistas e 44 novas obras para afondar na figura Xaime Quessada

No marco do Master Universitario en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 15/06/2011
Xaime Quessada foi un dos artistas ourensáns máis coñecido e prolífico e sen embargo un dos menos estudados desde o ámbito académico. Por este motivo foi a figura elixida por Diana Martínez para o seu traballo de investigación de fin de mestrado. A través da revisión da súa obra e de entrevistas con familiares, amigos e outras persoas relevantes para entender a Quessada, a investigadora reivindica o papel deste artista, discípulo de Picasso, no mapa creativo galego. Unha obra catalogada de 665 pezas e 44 novas creacións descubertas por esta investigadora dan conta da relevancia deste pintor, escultor e escritor galego.

Martínez presentou este mércores o seu traballo de investigación como peche ao Master Universitario en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais que realizou na Facultade de Historia do campus de Ourense. A investigación, dirixida polo profesor Roberto Vázquez e puntuada cun 10 polo tribunal que a valorou, divídese en dúas partes. “A primeira delas é a consulta a fontes orais, entrevistas con 15 persoas que son fundamentais para entender a Quessada, como son a súa muller, Chus Blanco, o seu gran amigo Manuel Peña ou o director da Fundación Xaime Quessada, Miguel Ángel Santalices”, explica.

Estas entrevistas déronlle á investigadora unha visión global do artista e da súa evolución, ademais de moitas anécdotas. Entre elas, Diana Martínez recorda como a viúva de Quessada, falecido en 2007, lle contou que cando eran mozos realizaron, con Manuel Buciños, Xosé Luis de Dios e a súa muller, unha viaxe en coche ata Exipto e de camiño, en Florencia, cando se quedaron sen diñeiro, conseguiron continuar vendendo en Ponte Vecchio obras que o artista ourensán facía in situ.

Fascinación e compromiso

A segunda fonte do traballo presentado estes mércores foi a revisión da obra de Quessada, “buscando coñecer a evolución artística do pintor grazas á súa ampla produción, analizando obras xa catalogadas xunto a outras de novo descubrimento. En total, contabilizamos 665 obras catalogadas e 44 que atopamos non catalogadas”. De todos os xeitos, advirte a investigadora, neste apartado aínda queda moito por investigar, porque continúan aparecendo obras ata agora descoñecidas do autor.

Para entender o valor da obra de Quessada, Diana Martínez salienta que cando Picasso viu a obra do artista ourensán dixo á xente que o rodeaba “vinde e vede, que por fin teño un discípulo en España”. A fascinación por Picasso leva ao ourensán a duplicar a S do seu apelido, a reflectir na súa obra as influencias cubistas deste creador e a desenvolver froito destas influencias un poscubismo do que naceron obras como A serie da música. “Quessada foi un artista innovador, de mentalidade europea e acorde co período que lle tocou vivir. Trátase pois dun artista posmoderno, lonxe do que moitos poidan crer e afirmar”, afirma a investigadora. A pesares da calidade e cantidade da súa obra, Diana Martínez salienta que a súa figura nunca foi xustamente recoñecida “porque non se someteu ao mercado da arte”.

Ademais da súa prolífica produción como pintor o traballo de investigación tamén recolle o compromiso político de Xaime Quessada. Nacido en 1937 viviu toda a ditadura franquista e foi militante activo na esquerda oposta ao Réxime, primeiro en Felipe, posteriormente en UXT, da cal foi membro fundador, e logo na UPG e no Partido Comunista ata a chegada da democracia.