DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ana Belén Fernández Souto presentou a Programación Cultural de Outono 2011, moi orientada á formació

15 escusas de todo tipo para pasar o día na Casa das Campás

Novos puntos de vista dende o eido da comunicación, da arte e do deporte conforman as novidades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 10/10/2011

Unha escusa para poder visitar cada día a Casa das Campás. Os meses de outubro, novembro e decembro veñen cargados de actividades de formación e ocio para que a comunidade universitaria do campus de Pontevedra e a cidadanía en xeral “teñan plan para todo o primeiro cuadrimestre”. Un total de 15 propostas conforman a Programación Cultural de Outono 2011 do campus, "todas cun aire moi formativo na que conferencias, congresos e seminarios teñen un gran peso”, explicou Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural, Deportes e Comunicación do campus de Pontevedra, durante a presentación do programa.

A diferenza da programación deseñada para os meses de primavera que está máis orientada ao ocio e ao entretemento “con moita música, danza e teatro”, para o primeiro cuadrimestre acostúmase ofrecer “actividades que serven de complemento das titulacións impartidas na cidade”, apuntou Fernández Souto. Como vén sendo habitual, a proposta cultural deste outono é resultado de fusionar “novas ideas que probamos por primeira vez, con fórmulas que xa teñen continuidade de outros anos e que xa se converteron en sinais de identidade de este campus”, engadiu.

Principais novidades

Novos puntos de vista dende o eido da comunicación, da arte e do deporte conforman as novidades desta programación. Unha das grandes apostas é a celebración, a comezos de decembro, de Digit@lis, un encontro sobre redes sociais, comunicación e educación 2.0 que “reunirá a profesionais de primeiro nivel do sector , inaugurando as xornadas Jennifer Preston, responsable da comunicación online do New York Times”.

O mundo da arte tamén presenta novidades coa xornada O espazo público como contorna para a creación, na que se dará a coñecer o enfoque co que os artistas contemporáneos abordan o espazo público e a idea de lugar. Por outra banda, a Escola de Enxeñaría Forestal vén de acoller as primeiras xornadas especializadas en ciclismo, froito do convenio que a Universidade de Vigo asinara coa Real Federación Española de Ciclismo e “que permitiu afondar nun deporte con moito potencial investigador”.

Vellos coñecidos

O eido da Publicidade e das Relacións Públicas segue a celebrar a súa cita, por terceiro ano consecutivo, coas xornadas Fálame do Teu, “na que grandes creativos e deseñadores das mellores axencias de ámbito nacional veñen ata Pontevedra para compartir de forma íntima e informal as súas experiencias como profesionais da comunicación”. Na mesma liña, a finais de outubro terá lugar a quinta edición das xornadas sobre Comunicación e Deporte “centradas este ano en actividades deportivas que a cidadanía non ten por costume catalogalas como deporte, como a caza, a pesca, o bridge, o xadrez, o futbolín…”. Igualmente, todos os venres a Casa das Campás convértese nunha sala de cine alternativo ao acoller un ciclo de conferencias sobre a comedia america,“no que se analizan películas afastadas do comercial”.

Novembro acollerá a oitava edición de Chámalle X, “tendo desta vez como país convidado a Marrocos”. Estas xornadas, coordinadas polo profesor Carlos Tejo, terán como protagonista aos sons que o corpo humano pode emitir ou fabricar. Mesturaranse conferencias e performances na rúa “nas que calquera tipo de son, sexa un berro, música, unha palabra, un taconeo o un suspiro, será benvido”.

A programación complétase coa celebración do desfile Debut 2011 o 24 de novembro, no que o alumnado da quinta promoción de Esdemga presentarán as coleccións correspondentes aos Proxectos Fin de Carreira; coas exposicións da Sala X, que neste momento acolle a mostra Miniaturas ata o 4 de novembro de 2011 para logo deixar paso á Colección Alterarte do campus de Ourense e cos cinco cursos formativos da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, “que van dende o deseño de figuras en 3D, pasando pola creación de páxinas web e de recursos informáticos educativos”.