DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entrega terá lugar este venres no edificio Redeiras e incluirá unha festa na praza do Berbés

15 finalistas e preto dun milleiro de votos para elixir as gañadoras e gañadores dos II Premios Alumni-UVigo

A catedrática África González e o alcalde Abel Caballero recibirán sendos recoñecementos honoríficos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 04/07/2023

Xa está todo listo para o acto de entrega dos II Premios Alumni-UVigo, galardóns que recoñecen o labor persoal e profesional das antigas alumnas e alumnos da Universidade de Vigo que destacan por contar cunha traxectoria persoal e profesional que achega valor e ten unha clara vontade de inducir cambios na sociedade. O xurado elixiu tres finalistas por cada unha das cinco categorías para que despois fosen os propios membros da comunidade Alumni-UVigo, integrada na actualidade por máis de 1600 ex-alumnas e alumnos, os que elixisen cos seus votos aos vencedores e vencedoras. As urnas pecháronse o pasado domingo tras rexistrarse preto dun milleiro de votos (963), e agora toca agardar ata o venres para coñecer ás persoas gañadoras. 

O acto de entrega será no edificio Redeiras, ás 19.00 horas, nunha gala que incluirá tamén a entrega de sendos recoñecementos á catedrática África González, Premio Alumni-UVigo Honorífico, e ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, premio Alumni-UVigo Distinguido. Ademais, tras a entrega de premios, terá lugar unha gran festa final na praza do Berbés, un encontro concibido para que os antigos estudantes poidan atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, e enriquecer así a súa rede de contactos persoais. Non faltará a música e petiscos nunha 'Alumni-UVigo food truck', grazas ao apoio das entidades patrocinadoras.

Ao igual ca en 2022 entregaranse galardóns en cinco categorías: Emprendemento (15% das candidaturas), Traxectoria Profesional (28%), Humanidades (13%), Impacto Social (20%) e Investigación (24%). Son en total 15 finalistas elixidos polo xurado entre preto dun cento de candidaturas e cada unha das persoas premiadas recibirá un galardón e un diploma acreditativo co que a institución e, en particular a súa  comunidade alumni, quere simbolizar o recoñecemento da súa achega á sociedade. As persoas interesadas en asistir a este acto deben inscribirse na web do evento.

Finalistas na categoría de Traxectoria Profesional

Na categoría de Traxectoria Profesional, os tres finalistas son Patricia García González, David Pereira Paz e Susana Bayo Besteiro. Licenciada en Filoloxía Inglesa, Patricia García é unha das cofundadoras de Femxa, entidade especializada en consultaría e formación para o Emprego; David Pereira, enxeñeiro de telecomunicación experto en temas de intelixencia artificial, lidera o equipo de Data & Intelligence de NTT Data para a rexión EMEAL, formado por máis de 2000 profesionais. No caso de Susana Bayo, licenciada en Física, xestiona a produción e presenta diariamente un programa de información meteorolóxica e divulgación científica no ámbito da meteoroloxía e cambio climático en diferentes medios de comunicación.

En Emprendemento

Na categoría de Emprendemento as persoas finalistas son Flavia  Barrio, Jordi López e Verónica Codesido. Graduada en Ciencias Ambientais, Flavia Barrio é unha das socias fundadoras da cooperativa Onde viven os contos, enfocada á educación medio ambiental da infancia; graduado en Publicidade e Relacións Públicas, Jordi López é o creador da marca de roupa e complementos AiFalaches.gal, e Verónica Codesido, doutora en Bioloxía, é a fundadora de MIFCO Biosciences, empresa enfocada ao cultivo in vitro de cannabis medicinal. 

En Humanidades

No caso do Premio Alumni-Uvigo Humanidades, os membros da comunidade Alumni tiveron que elixir entre Óscar Penín Romero, Pablo Romero Fresco e Raquel Iglesias Gándara. Óscar Penín é licenciado en Historia e na actualidade exerce como investigador contratado no proxecto UVigo rurAllure H2020, así como tamén coordinador dos proxectos sociais e culturais do campus de Ourense: Aldearmos e Pedra, festa do saber. Licenciado en Tradución e Interpretación, Pablo Romero é docente da Universidade de Vigo, onde co-dirixe o grupo Galma de investigación, liderando diferentes proxectos internacionais e asesorando a empresas e institucións como Netflix e o Parlamento Europeo. Licenciada en Belas Artes, Raquel Iglesias Gándara, coñecida artisticamente como Lua Gándara, é unha artista multidisciplinar e a súa obra foi seleccionada e exposta en diferentes certames.

En Impacto Social

Jorge Fortes, María Calvo e Noelia López son os finalistas na categoría de Impacto Social. Diplomado en Maxisterio e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Jorge Fortes leva anos traballando con colectivos de persoas con diversidade funcional; licenciada en Ciencias do Mar, María Calvo dedícase fundamentalmente á comunicación social da ciencia, en especial á divulgación sobre o medio mariño e os espazos naturais protexidos. Por último, Noelia López, licenciada en Tradución e Interpretación, conta con anos de experiencia como emprendedora social no ámbito das persoas maiores e a innovación social.

E, en Investigación

Na categoría de Investigación, os membros da comunidade alumni pudieron elixir dar o seu voto a Mónica Carrera, Estefanía Paredes ou Juan Manuel Losada. Doutora en Bioloxía é científica titular do IIM-CSIC Vigo, Mónica Carrera é experta en Proteómica Avanzada e en Calidade e Seguridade Alimentaria; doutora en Ciencias do Mar, Estefanía Paredes é a responsable do Servizo de Preservación Funcional dos Recursos Biolóxicos Mariños da ECIMAT, pertencente ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo; e Juan Manuel Losada, licenciado en Bioloxía e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, conta cun contrato de excelencia Ramón e Cajal no IHSM-CSIC-UMA en Málaga, onde lidera o seu propio grupo de investigación.