DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns finaliza o curso de formación impartido polos docentes a profesionais do organismo público

15 meses actualizando competencias da alta dirección na Deputación

O profesorado fai un balance “moi positivo” da experiencia e da colaboración coas institucións da co

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 14/12/2012

Un ano e tres meses de formación que chega á súa fin. Este luns, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, os 30 técnicos e directivos públicos da Deputación de Pontevedra e doutros concellos da provincia presentarán ante un tribunal os proxectos finais do curso de mellora de competencias de xestión e de dirección na administración que comezaron en outubro de 2011 da man de expertos da Universidade de Vigo e da EGAP (Escola Galega de Administración Pública). O principal director desta iniciativa, o profesor Enrique Varela, cualificou este curso de “todo un logro” xa que nestes momentos de recesión económica “este corpo directivo está a traballar nun ambiente que non é o de execución, senón no de reflexión e debate, máis necesario que nunca”, sinala.

O luns ás 16.00 horas, en presenza da deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, os inscritos e inscritas neste curso darán lectura a sete proxectos de mellora de xestión con temas e formulacións moi heteroxéneas, como a colaboración intermunicipal, a reforma dos servizos de cooperación, o desenvolvemento dun goberno electrónico ou novos procedementos para a xestión no ORAL. “Todos teñen en común que son propostas reais, próximas e aplicables ao seu día a día, pensadas para resolver situacións neste contexto de crise”, matiza o profesor Varela que propuxo que as memorias finais se elaborasen en equipo “para avanzar en conxunto”. Para o corpo docente da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, responsable na súa maior parte do plan de estudos do curso, que os 30 profesionais que se embarcaron nesta formación a rematen “é moi salientable” pois foron quen “de dedicar todas as semanas un pouco de tempo a este proxecto a pesar dos continuos cambios na súa contorna profesional”.

Unha formación necesaria

Tal como explica o propio profesor Varela, a dirección e a xestión pública son áreas de coñecemento e de actividade “case descoñecidas nas administracións españolas”, consecuencia do perfil formativo do persoal que foi construíndo o estado administrativo do país. “A maior parte dos empregados e empregadas públicas dos grupos A1 e A2 contan con estudos de Dereito ou Económicas”, subliña o experto, de aí que sexa necesario cursos de formación destas características “que introduzan modelos e orientacións de xestión complementarias a través dos coñecementos que achegan as ciencias da política e da administración”. Así, entre outras cuestións, os profesionais da Deputación afondaron en modelos de xestión do rendemento, de cooperación intergubernamental, de avaliación, de análise estratéxica ou de traballo en equipo.

Colaboración entre institucións

Organizado conxuntamente pola Universidade de Vigo, EGAP e Deputación de Pontevedra, este curso convértese no primeiro e único especializado na formación de altos directivos públicos que se imparte en Galicia. “Trátase tamén dos primeiros en España en contar cun partenariado público-público tan amplo”, unha das liñas estratéxicas “activa e comprometida” da Área de Ciencia Política e da Administración cos concellos e organismos públicos da provincia. Non obstante, Varela salienta que máis aló da colaboración formal entre a institución universitaria e a Deputación, “o máis importante é a interacción entre profesionais do mundo académico e técnicos e directivos públicos das institucións”, lembra.

Nesta liña de colaboración entre a Universidade e as institucións públicas da contorna, este venres, desta volta no Concello de Cambados e a través dunha alumna do Grao en Dirección e Xestión Pública, Ana María Cores, presentou outra proposta de desenvolvemento estratéxico para a comarca do Salnés, centrada no impulso do sector turístico. Titorizada polos profesores Miguel G. Loureiro e Pedro Figueroa, a estudante foi quen de establecer un enfoque metodolóxico innovador co que avaliar o ciclo de vida dun produto turístico, “unha mostra máis de como a Universidade, a través do seu alumnado, pode traballar en temas para responder ás necesidades dos territorios en todos os niveis”, reflexiona Pedro Figueroa.