DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus ourensán súmase á iniciativa da UVigo, en colaboración con Down Vigo e Ourense

15 persoas con discapacidade poderán formarse na segunda edición do Programa universitario para o emprego e a vida autónoma 

O período de preinscrición remata o 28 de outubro 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/10/2022

90%. Esta é, segundo a ONCE, a porcentaxe de mozos e mozas galegas, uns 8400, de entre 16 e 29 anos, con algún tipo de discapacidade, que non ten emprego, aínda que o 15% deles e delas está na procura activa dun posto de traballo. A media galega supera, ademais, amplamente a porcentaxe nacional de mozos e mozas con discapacidade que carece de emprego, que se sitúa no 65%. Co obxectivo de proporcionar unha formación universitaria a mozos e mozas con discapacidade, enfocada a mellorar a súa autonomía e a súa preparación laboral, a UVigo puxo en marcha o curso pasado, en colaboración coa Asociación Down Vigo, o Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma, unha iniciativa na que participaron 12 estudantes, durante varios meses recibiron unha formación interdisciplinar, impartida por persoal docente e investigador da UVigo e profesionais de Down Vigo. “Obtivemos moi bos resultados na primeira edición, que considerabamos un piloto. Todas as persoas participantes avaliárono moi positivamente, incluídas as entidades que acolleron as prácticas do estudantado e a propia ONCE”, detalla a vicerreitora de Benestar, equidade e diversidade, Maribel Doval, que lembra que a UVigo, como entidade empregadora, titorizou as prácticas de varios estudantes, “con excelentes resultados para todas as persoas implicadas”.

Logo da positiva experiencia acadada na primeira edición, a UVigo, en colaboración con Down Vigo, e por vez primeira, con Down Ourense, abre o prazo de inscrición para a segunda edición do Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma, no que poderán participar un máximo de 15 persoas con discapacidade intelectual, que recibirán nos campus de Vigo e Ourense, formación interdisciplinar para mellorar a empregabilidade, as competencias sociolaborais e favorecer a inclusión. 300 horas de docencia presencial ou virtual e 100 de prácticas realizarán as e os seleccionados para realizar o programa, no que se poderán preinscribir persoas de entre 18 e 29 anos, con discapacidade intelectual recoñecida igual ou superior ao 33%, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que acrediten estudos formativos preuniversitarios e teñan capacidade para desprazarse polos campus. “Ofertamos este curso porque forma parte da nosa responsabilidade como universidade que aspira a ser inclusiva; apostamos polo acceso e a promoción das persoas con discapacidade na educación superior, pois os empregos do presente e do futuro requiren de formación e competencias sociolaborais que queremos achegar ás persoas con discapacidade para reducir as fendas social, educativa e tecnolóxica”, explica Doval, que tamén destaca a importancia de que o persoal e o alumnado da UVigo aprenda a convivir e a estudar cos que máis adiante serán compañeiros e compañeiras de traballo. “É un win-win no que todos aprendemos”, afirma a vicerreitora.

Participación do campus de Ourense como novidade 

O programa, que se insire dentro da oferta da Escola aberta de formación permanente, contempla que profesionais de Down Vigo e Down Ourense exercerán a docencia directa en determinadas materias en colaboración cun equipo docente da UVigo, ao tempo que realizarán apoios activos dentro da aula, actuando como especialistas en pedagoxía terapéutica. As clases impartiranse, no caso do campus de Vigo, na Facultade de Ciencias xurídicas e do traballo, mentres que en Ourense, a Facultade de Ciencias empresariais e turismo, foi a elixida para a estrea do programa neste campus. “O campus de Ourense é especialmente atractivo e inclusivo, de feito este título propio é unha ampliación dun programa que leva a nos funcionando nese campus, perfeccionámolo ate darlle entidade de título propio e abrímolo a máis participantes”, explica Maribel Doval, que destaca que por segundo ano consecutivo acadaron financiamento da Fundación da ONCE para a realización do programa.

Coa previsión de poder incluír tamén o campus de Pontevedra nesta iniciativa, “estamos falando de promover a inclusión profesional en empregos técnicos e cualificados, polo que non ten sentido deixar ao marxe un campus coma Pontevedra, que ten tanto que ofrecer”, Doval, reitera o reto para esta nova edición do programa: “desenvolver ao máximo os talentos de cada novo estudante e aflorar todo o seu potencial. E analizar tamén o que estes estudantes achegan á nosa universidade. Convivir con este grupo no campus é bo para todos”, asegura a vicerreitora de Benestar, equidade e diversidade da UVigo.