DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obradoiro deu comezo este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

150 futuros profesionais sedentos de experiencias laborais no sector publicitario dánse cita en EmpreGO!

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 05/05/2010

Saber facer currículos e coñecer a situación laboral no eido publicitario son as principais preocupacións dos 150 estudantes e tamén dos titulados e tituladas nas licenciaturas en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual que asistiron ao obradoiro EmpreGO! que deu comezo este mércores na na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Durante o acto de inauguración, que correu a cargo do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area e o decano da facultade, Fortunato Rodríguez, Area salientou o labor realizado polos profesores encargados da organización, Jorge Lens, Alberto Dafonte e Chechu Pérez, ao tempo que cualificou aos asistentes de “afortunados” posto que “en moi poucas facultades se organiza este tipo de actividades”. Así mesmo, o vicerreitor de Relacións Institucionais lembrou que o obradoiro “é unha actividade financiada pola Cátedra Filgueira Valverde, que tivo claro apostar por un acto de fomento do emprego entre rapaces e rapazas que axiña serán profesionais”. Ademais, Area fixo fincapé no compromiso da Universidade co emprego do estudantado , incidindo na celebración “durante todo o ano” de actividades dirixidas á busca activa de traballo, “aínda que ningunha foi desta índole, posto que EmpreGO! céntrase no voso perfil profesional” salientou.
A continuación, a profesora Emma Torres presentou á subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Mª José Arrojo, que foi a encargada de iniciar os relatorios facendo un breve repaso da historia e os medios de comunicación que conforman a corporación da Voz de Galicia.

Valoracións moi positivas dos asistentes

O grande interese xerado polo obradoiro deixouse notar ante a grande afluencia de público,“entre os que abondan estudantes de segundo curso de Publicidade e RRPP e tamén bastantes licenciados” apuntou o profesor Alberto Dafonte, un dos organizadores das xornadas. Todos eles teñen en común a necesidade de saber desenvolverse á hora de buscar emprego neste ámbito, razón pola que a maioría dos asistentes acudiron ao obradoiro. Este é o caso de Daniel Rivera, estudante de cuarto curso de Publicidade e Relacións Públicas, que define o obradoiro como unha “excelente oportunidade para fomentar a conexión entre os profesionais do sector e os que pretendemos selo”. Ademais tamén salientou a utilidade de empreGO! á hora de achegar o currículo aos profesionais “para que corrixan os erros de estilo e forma que poidamos cometer e saber por onde tirar”.
Nesta mesma liña tamén coincidiu Andrea Campillo, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, que manifestou a súa preocupación polo “mal momento que vivimos para encontrar traballo”. Por este motivo, Campillo valorou moi positivamente as experiencias e consellos que “dende distintos puntos de vista” ofrece o obradoiro EmpreGO!, salientado que “é moi positivo contar con profesionais que te guien para facer o currículo e que te ensinen a dirixirte a un entrevistador para convencelo de que ti es o idóneo para o posto” concluiu.

As charlas e a realización de entrevistas centraron a primeira xornada

Paralelamente ás charlas impartidas por recoñecidos profesionais e creativos do ámbito publicitario, os asistentes ás xornadas aproveitaron a oportunidade para acudir ás entrevistas realizadas pola corporación da Voz de Galicia co obxectivo de acadar un contrato de prácticas. Un total de 25 estudantes e titulados pertencentes á rama de Comunicación Audiovisual e 49 de Publicidade e Relacións Públicas sometéronse ao encontro de selección que se desenvolverá ao longo da xornada. Segundo apuntou o titulado en Publicidade e RRPP e un dos aspirantes, Avelino González, “trátase dunha oportunidade única para conseguir un posto nunha empresa referente na prensa escrita de Galicia, tendo en conta a situación actual de crise e paro”.
A busca activa de emprego continuará durante a segunda xornada, na que os asistentes ao obradoiro poderán realizar un cásting para a TVG e achegar os seus currículos e porfolios, que serán avaliados por profesionais do sector publicitario.
No tocante ás charlas, o fundador de Verve Audiovisual, Santiago Romero, será o encargado de iniciar os relatorios falando sobre a realización do currículo vitae, seguido polos creativos Miguel Conde e Rafa Antón, que centrarán a súa charla nos portafolios. Pola tarde, Brais Méndez de Zumo Estudio explicará aos asistentes a forma adecuada de elaborar o currículo e María Juanatey, gañadora do Tour Versus, transmitirá a súa experiencia no eido laboral publicitario. Finalmente o creativo Rafa Coelho impartirá unha charla sobre a busca de emprego mediante a creatividade, tras a que terá lugar o acto de clausura.