DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza a segunda edición do ciclo "Pensar o cine" que organiza a área de Filosofía do Dereito

150 persoas utilizan o cine como ferramenta para debater sobre os dereitos humanos

Os asistentes ao acto inaugural subliñaron a capacidade da sétima arte para a aprendizaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 15/03/2010

O cine é unha excelente alternativa para o tempo de lecer pero é tamén unha moi boa ferramenta para a aprendizaxe. Así o cren Pablo Raúl Bonorino e Iago Fariñas, director e coordinador –respectivamente- do ciclo Pensar o cine. A actividade comezou o seu desenvolvemento este luns na Facultade de Dereito e prolongarase ata o mes de xuño cun total de seis sesións que compaxinan a proxección de películas con relatorios de especialistas nas distintas temáticas a tratar, dende a xustiza e a vinganza ata o cambio climático, a violencia e a guerra contra o terrorismo, entre outras.
As intervencións do acto inaugural xiraron arredor desa capacidade da sétima arte para espertar a conciencia crítica do espectador. Miguel Ángel González Trigás, do Consello Social da Universidade de Vigo, subliñou da iniciativa a súa capacidade “de achegar a cultura e o divertimento á práctica dos xuristas”, unha idea defendida tamén pola concelleira de Educación do Concello de Ourense, Ana Garrido, que amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dunhas xornadas “que contribúen a crear cidadáns críticos a través dun medio expresivo como é o cine”. O decano da Facultade de Dereito, Miguel Ángel Michinel, pola súa banda, fixo fincapé na consolidación que está acadando o ciclo –esta é a segunda edición- e na “boa aceptación que está a ter polo alumnado” posto que son máis de 150 as persoas inscritas na iniciativa.

A tiros en Big Wiskie

Javier de Lucas Martín, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia, leva moitos anos utilizando a sétima arte nas súas clases para ensinarlle ao alumnado a comprender os conceptos xurídicos porque, segundo explica, “vivimos nun modelo educativo que necesita da imaxe como complemento do texto para a educación”. Nesta ocasión foi o encargado de impartir a sesión inaugural do ciclo utilizando como punto de partida a película Sen perdón (Clint Eastwood, 1992) para debater sobre a xustiza e a vinganza. O filme conta a historia de William Munny (Clint Eastwood), un pistoleiro retirado ao que se lle presenta a oportunidade de sacar adiante á súa familia facendo un último traballo: matar a dous homes que lle marcaron a cara a unha prostituta no pobo de Big Wiskie. Neste pequeno pobo ou “microcosmos”, como o definiu Javier de Lucas, é onde transcorre unha acción onde non faltan pistoleiros, sede de vinganza e, como non, un alguacil chamado Bill (Gene Hackman) que abusa da súa autoridade, é brutal cos forasteiros que portan armas e mantén a todo o pobo baixo os seus excesos.

A pregunta xurídica “por excelencia”

Javier de Lucas escolleu este filme para a súa intervención porque, segundo explicou, “propón algunhas preguntas importantes tanto para os estudantes de Dereito como para calquera cidadán”, entre elas, o saber se o dereito é unha resposta contra a violencia “ou ben se é unha maneira de prolongar, de disfrazar esa violencia”. O relator afirmou que tanto o xénero western como a ciencia-ficción propician este tipo de reflexións “sobre o que é a sociedade, como aparece o dereito na mesma e para que serve”. Outros aspectos da película para o debate achegados por Javier de Lucas teñen que ver cos medios de comunicación e tamén coa muller. Polo que respecta ao primeiro destes aspectos, o relator cre que Eastwood ofrece no filme “unha visión adiantada acerca dos medios de comunicación e dos xornalistas, unha profesión que coloca a medio camiño entre o xornalismo e a literatura barata”. O poñente afirmou tamén que o filme amosa como o dereito, coa axuda dos medios, “constrúe mensaxes dirixidos á poboación e trata de xustificar a violencia que exerce”. O outro punto abordado polo relator ten que ver co maltrato á muller, concretamente a violencia que se exerce contra un dos colectivos máis marxinados pola sociedade: as prostitutas, unha temática abordada por Eastwood na película dende un punto de vista crítico coa dominación patriarcal. “É o dereito unha alternativa á violencia? Precisamos outro dereito? Precisamos non ter dereito?" preguntou o relator aos asistentes. Javier de Lucas recoñeceu que a película non é optimista neste aspecto “pero fai pensar sobre cales son os mecanismos que nos fan recoñecer aos outros como iguais ou non”.

O cambio climático, tema do próximo debate

A próxima sesión do ciclo está prevista para o día 25 de marzo. Proxectarase o filme Unha verdade incómoda, un documental conducido por Al Gore sobre os efectos do quentamento global do planeta xerado pola actividade humana. O relatorio correrá a cargo de Luis Gimeno Presa, catedrático de Física da Terra da Universidade de Vigo.