DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Máster en Arte Contemporánea amosa o seu potencial nunha mostra colectiva

16 artistas emerxentes dan o paso da facultade ao museo

A exposición ‘Iso segue o seu curso’ poderá visitarse ata o 31 de agosto no Sexto Edificio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/07/2014

Supón unha saída natural para os artistas egresados pero tamén unha oportunidade única para empezar a medir a súa obra fóra do acubillo do académico e nun espazo das condicións do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Este serán inaugúrase a exposición Iso segue o seu curso, unha mostra na que se recollen as obras dos 16 artistas da cuarta promoción do Máster universitario en arte contemporánea. Instalacións, vídeos, libros de artista, debuxos, esculturas… son algunhas da pezas coas que se atopará o visitante dunha mostra que acolle “desde traballos moi conceptuais a obras socialmente comprometidas ou pezas realizadas desde unha visión moi contemporánea e aberta das técnicas e dos materiais”, subliña o profesor Ignacio Barcia, comisario da exposición, poucas horas antes da inauguración oficial, á que asistirán o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o decano da Facultade de Belas Artes, Juan Carlos Meana; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e a presidenta da Comisión de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez.

Son 16 artistas emerxentes, dez mulleres e seis homes de diferentes idades e procedencias, que dan boa mostra dos novos valores que buscan facerse oco no panorama artístico. “Desde fóra pode verse como unha exposición de artistas que comezan a súa andadura profesional e desde dentro como unha proxección externa do traballo realizado durante os seus estudos”, subliñou Barcia, que fixo fincapé en que estes artistas conviviron durante un ano e realizaron os seus traballos “man a man”, aprendendo xuntos uns dos outros e, aínda así, as obras son moi diversas e están feitas desde puntos de partida moi distintos, “pero unha vez que se ten a oportunidade de velas xuntas, convivindo nunha mesma contorna, un decátase de que dialogan perfectamente e que, en certo modo, teñen un aire de familia ben avida, aínda sendo cada unha de seu pai e de súa nai”.

Denuncia social: ‘triturar’ o borrador da Lei do Aborto

Entre os artistas mestúranse os que por idade xa teñen certa experiencia con aqueles que pese a facer pouco tempo que finalizaron os seus estudos de grao ou licenciatura, están a desenvolver un intenso traballo, caso de Elisa Terroba (Ronda, 1986) ou Sylvia Peceño (Guadalajara, 1986), autora dunha das obras con máis contido político-social da mostra e que xurde como resposta á nova reforma da Lei do Aborto. “Destrutora, que así titulei a peza, ten dúas intencións moi concretas: a principal é alarmar e denunciar socialmente a vulnerabilidade que supón para a muller unha medida tan restritiva, deixándoa fóra de toda autonomía e, por outro lado, quero dar a posibilidade de eliminar as copias da reforma para facer desaparecer unha lei que non eliximos nin desexamos”, subliña a autora, ao tempo que explica que o título emerxe da alusión concreta á máquina destrutora de papel, así como á propia lei “que é daniña e destrutora” e, por outro lado, á inherente acción realizada pola persoa que tritura as copias, converténdose nun suxeito destrutor. “Está claro que é unha metáfora pero oxalá puideramos desprendernos das decisións dos políticos dunha maneira tan simple e rápida”, recalca Peceño, que engade que “oxalá que haxa moitos visitantes que decidan facela funcionar e se dean o gusto de triturar as copias”.

A maior parte dos artistas proveñen da facultade pontevedresa

Se ven a maior parte dos artistas proveñen da propia facultade pontevedresa, non sempre é así, caso por exemplo do arquitecto Román Corbato (Gijón, 1980) que participa cunha obra feita con anacos de azulexos que recolleu de restos de entullo e que ordena de maneira moi meticulosa formando un cubo dun metro cúbico.

Tamén do seu interese pola arquitectura, a escultura e o espazo xurde o traballo da artista Yolanda Ríos (Moaña, 1979), unha construción de cartón, moi delicada, como se dun gran castelo de naipes se tratara. “É fráxil, inestable, a punto de derruírse”, recalca a autora, ao tempo que fai fincapé en que na peza entran en xogo unha serie de opostos como a separación e a unión, o pechado e o aberto, o contundente e o fráxil, o estable e o inestable, a comunicación e a incomunicación. “Ese punto de encontro habitual de sentarse á mesa para realizar accións cotiás vese interrompido pola estrutura de naipes que funciona como separación física e que o converte nunha especie de confesionario, onde as posibles relacións entre persoas se ven constrinxidas a esas pantallas”, engade Ríos.

Tamén formado na Facultade de Belas Artes, Nilo Arias (Lugo, 1970) decántase por expor un vídeo de acción realizado durante 12 horas na beira do Lérez e dous cadros pintados con lama da ría que se vai borrando pouco a pouco coa auga que escorre por eles.

Até o 31 de agosto

Os traballos de Teresa Búa, Roberto Álvarez Gregores, Isabel Cáceres, Yulema Capeáns, Iria Cortizo, Dana Díaz, Roi Domínguez, Malú Feijóo, Víctor García Ulla, Anaí Lago, Elisa Terroba e Adrián Taracido completan a listaxe de obras que dan forma a unha mostra que poderá visitarse até o vindeiro 31 de agosto na Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.