DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será día e medio de intensos debates sobre a cuestión migratoria en Europa

16 equipos de 12 universidades compiten por facerse coa vitoria do II Torneo de Debate Retórica UVigo

A final será mañá sábado na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo ás 19.00 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 24/11/2023

Día e medio de intensos debates sobre a cuestión migratoria en Europa. Nisto consiste o II Torneo de Debate Retórica UVigo, unha cita que arrancou este mediodía no edificio Redeiras e na que participan 90 alumnos e alumnas de 12 universidades de toda España repartidos en 16 equipos. Todos buscan a vitoria, pero só un equipo se fará co triunfo final, polo que cada un deles tratará de sacar en cada unha das contendas os mellores argumentos para convencer aos xuíces da calidade, naturalidade e capacidade de convicción do seu discurso. Da inauguración do encontro encargáronse o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo, Tomás Aparicio, recentemente proclamado campión do mundo de oratoria en español no torneo Esto es debatible 2023, organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red Latinoamericana de Cooperación Universitaria.

Tras a apertura do acto arrancaron os debates.  Esta semana tivo lugar o sorte de grupos e cada equipo xa sabía con antelación os enfrentamentos que terán que superar para avanzar ata as rondas eliminatorias e, xa por último, a gran final, prevista para mañá sábado ás 19.00 horas na sala Rosalía da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Unha vez elixido o equipo gañador terá lugar a entrega de premios, unha cerimonia na que se contará coa participación da vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, e José Luis Ortiz, director de Relacións Institucionais e Comunicación de ZTE España, unha das firmas patrocinadoras. 

Hai universidades que compiten con varios equipos, entre elas a propia Universidade de Vigo, que exerce de anfitrioa, pero non é a única, o mesmo acontece coa Universidad Pontificia Comillas. A estes nomes súmanse outros chegados desde diferentes puntos do territorio nacional, sobre todo de Madrid (Carlos III, Alcalá, Cunef e a propia Pontificia Comillas), pero tamén desde Andalucía (Málaga e Almería), illas Baleares (Universitat Illes Balears), Cataluña (Esade Ramón Llull), Castela León (Salamanca) e tamén de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela e Colexio Maior San Agustín).

1000 euros para o equipo gañador e unha praza na liga LEDU

O equipo ganador recibirá un premio en metálico de 1000 euros e unha praza directa na Liga Española de Debate Universitario, LEDU, que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. A maiores, tamén se outorgará un premio ao mellor orador de toda a competición, galardón que na primeira edición recaeu en Iván Fernández, un dos membros do equipo da Universidade de Vigo. Finalmente, o xurado tamén seleccionará un Dream Team entre todos e todas as participantes, que recibirán un diploma acreditativo. 

18 xuíces, entre eles varios vigueses

O equipo de xuíces do torneo está conformado por 18 integrantes e serán eles e elas os encargados de seleccionar o equipo gañador de cada unha das rondas, incluído o gañador final, así como ao equipo ideal e o mellor orador do torneo. Todos os debates contarán cun número impar de xuíces, variable en función da ronda da competición, e sempre haberá un xuíz principal que actúe como moderador do debate e será o encargado de dar paso a cada quenda.

Son persoas recomendadas pola LEDU, con ampla experiencia no campo do debate e a oratoria, que exercen habitualmente nos diferentes torneos desta liga, e tamén algúns exdebatentes curtidos neste tipo de torneos. Entre as caras máis coñecidas a nivel local destaca a participación de Andrea Janeiro, fundadora e presidenta da Asociación Retórica UVigo (2017-2020), mellor oradora e subcampioa  de Parlamento Xove 2013 e que na actualidade exerce como responsable de proxectos internacionais en Vodafone  Grupo, así como o propio Tomás Aparicio, actual responsable da asociación, Campión do Mundo Oratoria en español 2023 e subcampeón da LEDU 2022, entre outros torneos nacionais.