DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en intervención multidisciplinar na diversidade en contextos educativos é pioneiro no estad

16 estudantes integran a primeira promoción do máster en diversidade que sae á rúa

A Facultade de Ciencias da Educación acolleu o acto de graduación

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 17/07/2009

16 estudantes celebraron este xoves na graduación da primeira promoción o éxito académico acadado no Máster en intervención multidisciplinar na diversidade en contextos educativos da Facultade de Ciencias da Educación. Acompañados polos seus familiares, amigos e profesores, os estudantes recibiron as bandas, pins e diplomas que os converten na primeira promoción de graduados nesta titulación. O acto contou coa presenza do vicerreitor de Innovación e Formación Educativa, Pedro Membiela; da decana da facultade e directora do mestrado, Mercedes Suárez Pazos; do secretario do centro, Antonio González e das directoras académicas do mestrado, María Lameiras e María Del Pino Díaz.
A decana foi a primeira en felicitar aos novos graduados, sinalando a singularidade do evento, “xa que estamos afeitos a actos de graduación multitudinarios”. Suárez tamén apuntou que se trataba dun día especial, “a maioría de vós xa estades graduados noutras titulacións previas e algúns incluso estades traballando, preparando oposicións ou nunha etapa de procura activa de emprego”. Ao longo deste ano os estudantes tiveron que realizar un enorme esforzo para chegar ata aquí, “oito materias diferentes, un practicum en institucións de 120 horas e un traballo fin de titulación; todo isto nun só curso académico, o cal supón un grande esforzo”. Suárez destacou ademais que “este é un mestrado pioneiro en todo o estado español”.
Pola súa banda, Membiela dixo que “isto non é un final, senón un punto e seguido, non hai máis que velo, xa que esta é para vós a segunda graduación como mínimo”. O vicerreitor tamén destacou que “as graduacións son un momento especial para as familias, xa que tamén ven cumprido un esforzo”. Por último, o vicerreitor lembroulles aos estudantes “que sempre podedes contar coa facultade”.

Un esforzo por parte de todos

Os comezos sempre son difíciles, pero os erros pasados serven para mellorar no futuro. Neste punto coincidiron case todos os presentes, destacando que este primeiro curso do mestrado supuxo un esforzo para todos. A representante dos alumnos Ana García, lembrou que ao comezo do curso “tíñamos moitas dúbidas porque non sabíamos o que nos deparaba o futuro, pero aquí estamos e rematamos”. En nome de todos os alumnos, García deu as grazas "a todos os profesores que tiveron en conta as súas suxestións para poder mellorar este mestrado e estar máis preto das demandas das vindeiras xeracións”.
Neste mesmo sentido, o vicerreitor Membiela sinalou que esta titulación “supuxo para todos un reto persoal, profesional e tamén institucional, porque os mestrados son unha nova andaina da Universidade dende a súa perspectiva formadora, un paso máis na aprendizaxe ao longo da vida”. Para Membiela este acto de graduación foi un momento especial “porque son profesor no mestrado e tamén participei na súa creación; hoxe vese o resultado dun esforzo colectivo tanto de profesores como de alumnos”.