DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 10 de xuño está aberta a inscrición para os campus de Vigo e Ourense

160 nenas e nenos de entre 3 e 16 anos poderán gozar este verán no Campus Camp 

Comezará o 23 de xuño e rematará co inicio do vindeiro curso escolar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/05/2022

Os meses de xuño, xullo e setembro ata 160 nenos e nenas poderán participar nunha nova edición do Campus Camp, que organiza a UVigo co obxectivo de favorecer a conciliación da vida profesional e familiar da súa comunidade en época de vacacións escolares, ao tempo que se facilita o achegamento dos máis pequenos á Universidade. Unha vez que a semana pasada o PDI, PAS e estudantado do campus de Pontevedra tivese ocasión de realizar a reserva previa, desde o 30 de maio e ata as 14.00 horas do 10 de xuño será a quenda para que o persoal e alumnado do campus de Vigo e Ourense poida facer a inscrición para optar a unha da 160 prazas que a UVigo oferta para a edición do 2022 do Campus Camp e das que 125 corresponden aos campus de Vigo e Pontevedra e as 35 restantes ao de Ourense.

A inscrición pode realizarse a través de Campus Activo para o que cómpre ser membro da comunidade universitaria e nais ou pais de nenos ou nenas ou pequenos acollidos legalmente, con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos, un máis que na anterior convocatoria, na que o límite máximo de idade era de 15 anos. A documentación, previamente escaneada, que se deberá achegar no momento de realizar a inscrición é a tarxeta sanitaria da ou do neno e fotocopia do libro de familia ou impreso de acollida. 

Quendas e prezos

As actividades do Campus Camp, educativas e lúdicas, con eixos temáticos que van variando en cada edición, co obxectivo de fomentar a colaboración e o traballo cooperativo e a adquisición de habilidades específicas, desenvolveranse este ano entre o 23 de xuño e o inicio do curso escolar en setembro. As inscricións poderán realizarse en calquera das quendas posibles: os tres meses de xuño-xullo-setembro (160 euros); meses soltos: xuño (30 euros), xullo (120) e setembro (30); 1º quincena de xullo e 2ª quincena de xullo (60 euros en ambos os dous casos) e día solto (8 euros). A estes prezos aplicaránselle deducións  no caso de segundo, terceiro, cuarto ou quinto fillo ou filla matriculados.

Unha vez realizada a inscrición na quenda elixida esta será firme e non se devolverá o pagamento agás por motivos de saúde, cancelación de actividades, cambios de situación laboral do ou da proxenitora ou por admisión noutro campamento organizado pola comunidade autónoma, deputación ou concello. 

En marcha desde o verán de 2004 en Ourense e en 2005 en Vigo

Nado hai 18 anos no campus de Ourense e un ano despois no de Vigo, o Campus Camp foi galardoado no ano 2015 co co III Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala, un recoñecemento co que a institución académica viguesa recoñecía a idea que botou a andar no campus de Ourense da man de María Teresa Díaz e Raquel Iglesias e que ao ano seguinte trouxo a Vigo David Basalo, ambos integrantes do Persoal de Administración e Servizos da UVigo.