DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No libro “La financiación autonómica en los Estatutos de Autonomía”

17 especialistas analizan, baixo a dirección da catedrática Ana Mª Pita Grandal, o sistema de financiamento autonómico

Etiquetas
  • Vigo
M. Del Río DUVI 17/11/2008

Os constantes cambios e modificacións derivados das transferencias de competencias do Estado ás Comunidades Autónomas fan do financiamento autonómico un campo en constante evolución. Para analizar os cambios do actual sistema de financiamento autonómico, a catedrática de Dereito Financeiro e Tributario, Ana María Pita Grandal, reuniu as achegas e opinións de 17 expertos universitarios que agora se presentan nunha nova publicación. La financiación autonómica en los Estatutos de Autonomía é unha obra colectiva na que se afonda no sistema vixente actualmente nas Comunidades Autónomas así como as súas debilidades e as liñas a desenvolver no futuro.
Segundo Regina Losada, directora xeral de Tributos, “a través deste libro pódese facer unha viaxe sinxela e amena ao tempo que rigurosa pola realidade financeira da Comunidades Autónomas lonxe dos tópicos, afondando nos problemas e a realidade local, autonómica, nacional e tamén europea”. A presidenta do Parlamento salientou tamén que se trata dunha “magnífica obra, un compendio de investigadores de primeira liña” que, segundo a súa coordinadora “pretende ser de utilidade para a sociedade e os axentes económicos e sociais”.

O proceso de reforma estatutaria

Na presentación da obra, Dolores Villarino, presidenta do Parlamento de Galicia; Ana Mª Pita Grandal, catedrática da Universidade e coordinadora da obra; Abel Caballero, alcalde de Vigo e Regina Losada, directora xeral de Tributos da Xunta de Galicia coincidiron en salientar que, por riba da reforma do modelo de financiamento, trátase de coordinar e compatibilizar os gastos das administración autonómicas e locais cos seus ingresos. Segundo salientou a presidenta do Parlamento de Galicia, “non debemos plantexar esta a redefinición do sistema en termos reivindicativos, senón que deberíamos falar de reordenación de competencias, axustando estas ao financiamento e cuantificando as necesidades de gasto”. Neste sentido, Regina Losada apostou por avanzar na descentralización da capacidade normativa das Comunidades Autónomas, pero atendendo sempre á harmonización, “sen carreiras nin competencias entre as diferentes comunidades”. Entre as eivas do actual modelo a directora xeral salientou a carencia de garantías que permitan corrixir as discrepancias e diverxencias e destacou feitos no caso de Galicia como a dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación, que non se teñen en conta no reparto do financiamento. Neste sentido coincidiu tamén Dolores Villarino, que apuntou que o modelo “deberá establecer a equidade entre os cidadáns e a igualdade na prestación de servizos”. A presidenta do Parlamento amosouse contraria ás balanzas fiscais e apuntou que “son contraria a elas xa que os impostos non os pagan os territorios, senón as persoas e non se pode quebrar o principio de solidariedade”.
A crise económica foi outro dos temas centrais da presentación do libro e a directora da publicación apuntou que o momento actual pode retrasar o proceso do novo modelo de financiamento, pero non se debe aparcar”.
Con ela coincidiu o alcalde de Vigo, que puntualizou que o momento no que se presenta o libro “non pode ser mellor, en pleno debate de reforma do modelo de financiamento e tamén nun momento histórico de toma de decisións que van marcar a nivel internacional os vindeiros 30 anos”. Referíase Abel Caballero á reunión do G-20 desta fin de semana e salientou que no proceso de reactivación da economía tamén “as administración autonómicas e locais teñen moito que dicir”.

O Estado das Autonomías

A Constitución Española establece as bases do Estado autonómico baseándose na diversidade nacional e rexional. Esta organización territorial, explicou Ana María Pita “tradúcese na existencia de institucións propias e no autogoberno, pero este proceso descentralizador non está pechado e a transferencia de competencias é un tema de enorme actualidade”. Segundo a directora da publicación “o financiamento é o núcleo do proceso de reforma estatutaria das Comunidades Autónomas e debemos ter sempre presente o principio de solidariedade buscando un consenso amplo e necesario”. Esta publicación afonda con rigor técnico e un alto grao de acerto, nos aspectos máis importantes do proceso de reforma e de análise de institutos xurídicos que están dirixidos a desempeñar un papel estelar en materia de recursos financeiros ou de organización administrativa. Ao tempo, inclúe tamén estudos sobre estatutos de autonomía, a facenda autonómica na Constitución e o estatuto de autonomía valenciano do 2006, o sistema de financiamento autonómico no estatuto catalán de 2006 ou financiamento autonómico no novo estatuto das Illes Balears.