DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xesús Alonso Montero, membro da RAG convidado á xornada 'Resaca das Letras 2012':

“O 17 de maio debe ser a semente para converter o día nun ano de Letras Galegas”

Tamén participaron no encontro Xosé Manuel Beiras e Henrique Monteagudo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 16/05/2012

En conmemoración do Día das Letras Galegas, A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este mércores a Resaca das Letras 2012, promovida por alumnado e profesorado do centro. Aínda que este ano o 17 de maio dedícase á figura de Valentín Paz Andrade, a xornada tamén rendeu unha homenaxe á vida e obra de Celso Emilio Ferreiro en conmemoración do centenario do seu nacemento convidando a personalidades do talle de Xosé Manuel Beiras, Henrique Monteagudo ou de Xesús Alonso Montero. Para Montero, que viviu en primeira fila os 50 días de Letras Galegas que se teñen celebrado ata o de agora, o 17 de maio “debe ser a semente para que o Día das Letras Galegas se converta no ano das Letras Galegas”.

A xornada botou a andar a primeira hora da mañá da man do decano da facultade, Juan Manuel Corbacho, e do profesor Benigno Fernández Salgado, principal organizador do encontro, que salientaron a importancia de "mimar e coidar un ben tan prezado como é ter unha lingua propia e do que moitas veces nos esquecemos”. Fernández Salgado aproveitou o acto inaugural da xornada para lembrar que Galicia e España “están na cola do índice de lectura en Europa” o que pon de manifesto “a precariedade da lingua e das letras na nosa comunidade”.

50 anos de Letras Galegas

Membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, Alonso Montero acudiu ás xornadas para compartir co alumnado do centro os “50 anos de Letras Galegas”, unha festividade que definiu “como a cousa máis importante que se inventou na historia de Galicia”. Non obstante, advertiu que os motivos de celebración do 17 de maio “débense reflectir durante todo o ano” o que esixe, segundo o académico, un maior compromiso dos profesores de galego coa difusión e espallamento da cultura galega. “Eu creo que unha gran parte do profesorado non é militante da causa da nosa lingua e literatura. Son moi bos profesionais, explican moi ben o complemento directo, pero deberían esforzarse con máis esmero e facer actividades durante todo o ano e mesmo no Día das Letras Galegas”, salientou.

Remontouse a febreiro de 1963 para lembrar o momento no que Francisco Fernández del Riego lle propuxo á RAG a celebración dun día en que se honrase á cultura galega. “Nin o propio Fernández del Riego era coñecedor da repercusión e transcendencia que tivo ese día”, declarou, que ademais diferenciou dúas etapas en torno á festividade, “unha antes da morte de Francisco Franco e outra despois”. Segundo Alonso Montero, no período anterior á democracia, o 17 de maio era unha celebración cun perfil “moi especial” sendo a primeira en 1963, dedicada á vida e obra de Rosalía de Castro e presidida por el mesmo e por Xosé Luís Méndez Ferrín. “Aínda que as festividades de antes do 76 estiveron moi controladas, si que foron moi eficaces porque con elas dábanse a ver entre a cidadanía que había libros en galego, que había xente interesada e que se escribía en galego”, apuntou Alonso Montero. Ao referirse ao Día das Letras Galegas xa na democracia sinalou que “se ten cuestionado moito o día, pero coido que se ten que manter, pero facéndoo moito mellor”, concluíu.

Tras Alonso Montero interviñeron Xosé Manuel Beiras e Henrique Monteagudo, que protagonizaron o diálogo Eu penso que este mundo é moi facundo. Mentres que Beiras relatou como viviu o antifranquismo e a aparición das primeiras formacións nacionalistas da posguerra, Monteagudo afondou, entre outros temas, nas crebas do vello galeguismo nos anos 70. A música tamén estivo presente na xornada da man de Labregos do tempo dos Sputniks, que rapearon a Celso Emilio, e de Luis Emilio Batallán que rememorou “o máis sublime musicalmente falando de mediados dos 75”.

Sen medo de empregar o galego “para escribir doutros temas”

Na xornada de mañá, a Resaca das Letras acolleu unha mesa redonda na que tiveron voz distintos representantes dos máis recentes medios dixitais galegos, como Praza Pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial ou Ponte TV. Tras compartir cada un a súa experiencia empresarial baseada na especialización e na calidade de contidos, moitos coincidiron en que a aposta pola lingua galega foi unha elección natural, lóxica, “xa que sería absurdo non aproveitar esa vantaxe diferencial de ter unha lingua propia para diferenciarnos”, apuntou Andrés Fraga, fundador de Disquecool. Paco Gallego, redactor de Galicia Confidencial, reflexionou que o uso do galego se reserva para temas máis tradicionais non atrevéndose a empregalo en reportaxes sobre cuestións máis abertas e transgresoras. “Non sei cando se decidiu que o galego era para unhas cousas e non para outras, pero hai que romper con iso”, sentenciou.