DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade recibe máis de millón e medio de euros da convocatoria Innocampus

1,7 millóns de euros para o desenvolvemento do Complexo ETEA-Campus do Mar

Salustiano Mato afirma que “nos permitirá avanzar na loxística das infraestruturas”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/11/2010
O proxecto de I+D+i e Transferencia Iniciativa Complexo ETEA-Campus do Mar da Universidade de Vigo recibirá 1,7 millóns de euros a través da convocatoria Innocampus do Ministerio de Ciencia e Innovación que ten como finalidade aumentar a capacidade de atracción ás universidades de persoal investigador, centros de I+D+I e empresas de alto valor engadido.
Dos 1,7 millóns de euros que percibirá a institución académica viguesa, 255.000 son en forma de subvención procedente do Fondo Tecnolóxico Europeo , sendo o ámbito específico no que e desenvolve o proxecto o da sostenibilidade. Para o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, “esta cantidade constitúe unha nova achega para o Campus do Mar que nos aproxima aos nosos obxectivos en relación coas dotacións, aínda que máis vinculados ás necesidades loxísticas das infraestruturas”.

Actuacións que o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, concreta por unha banda na redacción de proxectos na ETEA e pola outra no lanzamento do Campus Dixital do Mar que terá na antiga Escola de Transmisións o seu epicentro que permitirá conexión e a comunicación de todos os integrantes do proxecto. Así Fernández apunta “á redacción de proxectos para a rehabilitación de edificios como o Faraday ou o Siemens, ao desenvolvemento do proxecto de Unidade Tecnolóxica e á adquisición de equipos para o Campus Dixital”, como actuacións que esta inxección económica permitirá levar a cabo antes de que finalice o ano 2011.

O proxecto co que a Universidade de Vigo concorreu á convocatoria Innocampus formula a creación dun complexo de investigación e transferencia situado na costa norte da cidade de Vigo, Complexo ETEA, como sede do Campus do Mar e para o que se trata de achegar a infraestrutura de soporte do Campus co obxectivo de mellorar a I+D e a transferencia dos resultados de investigación.

Un proxecto que segue sumando

Cando aínda non se cumpriron dúas semanas da cualificación de Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional a consecución de 1,7 millóns de euros na convocatoria Innocampus constitúe para o reitor da Universidade de Vigo “outra boa nova a sumar á gran confirmación que foi á obtención da cualificación de Excelencia Internacional”. Un recoñecemento que Mato lembra que vai acompañado dunha dotación económica que se suma aos 5,3 millóns de euros acadados coa concesión do CEI e que “pretendemos seguir incrementando coa procura de máis fondos que nos permitan desenvolver plenamente o Campus do Mar”. Neste sentido o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández, lembra tamén a posibilidade de acadar fondos Feder para completar o investimento necesario.

150 millóns de euros para 26 proxectos

O Ministerio de Innovación e Ciencia destinou un total de 150 millóns de euros a 26 proxectos de I+D+i e Transferencia en Campus de Excelencia con Innocampus 2010. Unha convocatoria á que concorreron as universidades que en 2009 obtiveran a cualificación de Campus de Excelencia Internacional, así como as que este ano foron seleccionadas pola comisión técncia do Ministerio de Educación.
As axudas desta convocatoria están destinada ao financiamento dos custes de adquisición de equipamento científico ou técnico, gastos de edificios e infraestruturas para I+D+i , subcontratacións exclusivamente derivadas do proxecto e custes de xeración o mantemento de patentes que se orixinen como consecuencia do desenvolvemento tecnolóxico do proxecto.