DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición reúne na Casa das Campás os proxectos presentados polo alumnado a dous concursos

17 mostras de como a arte pode mudar a faciana dunha cidade

O estudante Román Corbato recibiu o premio do certame para unha intervención artística en Monteporre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 18/06/2014

Un total de 17 paneis, nos que se plasman as propostas presentadas polo alumnado do campus a dous concursos que buscaban promover unha intervención artística a pé de rúa, constitúen o eixo central da exposición Arte urbana e espazo social, inaugurada este mércores na Casa das Campás. Mais estes paneis non só a base dunha mostra que se completa con maquetas e documentación, senón tamén un exemplo do camiño a seguir desde a Facultade de Belas Artes, como salientou o seu decano, Juan Carlos Meana, que avoga por continuar afondando nunha liña de traballo vinculada "ao noso contexto social, que achega calidade de vida á cidadanía”.

Ata finais de xuño poderanse contemplar na Casa das Campás os cinco proxectos que o alumnado de Belas Artes presentou ao concurso de ideas para a execución dunha intervención artística na fachada dunha urbanización do barrio de Monteporreiro, que a facultade organizou xunto coa inmobiliaria Anida, do grupo BBVA. Completan esta mostra outra ducia de paneis, que recollen as propostas formuladas polo alumnado do campus para dotar dunha nova imaxe á fachada do Pavillón Universitario no marco dunha convocatoria promovida desde a Vicerreitoría.

Un concurso que abriu unha liña con futuro

Antes de inaugurar esta exposición o decano de Belas Artes participou xunto co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e os representantes de Anida na entrega a Román Corbato, alumno do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, do diploma que o acredita como gañador dun concurso que, como resaltou Meana, constituíu un “importante reto”. Non en van, tratábase da primeira vez que a facultade “entraba na dinámica de traballar conxuntamente coas empresas, algo que non é habitual no noso campo, máis aló das institucións culturais”. Por iso, incidiu en que se trataba dunha iniciativa que abría unha "nova vía de traballo que ten que dar novos froitos a medio e longo prazo” e que ademais contribúe a “desterrar a idea do artista como un individuo illado da sociedade”.

Como explicou Corbacho, o proxecto naceu inicialmente como un concurso de ideas aberto ao alumnado de máster e doutoramento de Belas Artes e dotado cun premio económico de 1500 euros, outorgado pola inmobiliaria Anida, que buscaba con esta iniciativa tanto mellorar o aspecto da fachada contigüa á súa urbanización Playa Lérez como “facilitar oportunidades de traballo aos mozos universitarios, coa idea de que enriquecer a súa experiencia profesional”. Dos cinco proxectos presentados, o xurado seleccionou o do estudante e arquitecto Román Corbato, por consideralo “o máis equilibrado en canto á súa calidade artística e a posibilidade de materializalo”. Non en van, esta iniciativa estaba aberta a unha segunda fase, a da execución material do propio proxecto, que Corbato levou a cabo a pasada Semana Santa.

De aí que tanto Meana como os representantes de Anida salientasen nesta xornada como o seu traballo “mellorou considerablemente a calidade estética da contorna”, algo que a este alumno tamén lle trasladou máis dun veciño da zona. Coa idea de “facer máis amable” unha fachada con diferentes volumes, Corbato inspirou o seu proxecto Dazzle nos patróns de camuflaxe que o exército británico empregaba nos seu barcos durante a Segunda Guerra Mundial. O seu obxectivo, explica, “era crear un deseño que envolvese toda a superficie” a través dun patrón elaborado con catro cores planas. E aínda que o paso do papel á parede supuña “un reto”, este estudante recoñece que finalmente a execución do traballo, que levou a cabo cun equipo de pintores profesionais, “foi bastante rápida e permitiu lograr un resultado co que estou moi satisfeito”.

A próxima actuación, no Pavillón Universitario

Tampouco faltou á inaguración desta exposición Diego Germade, o gañador do concurso convocado pola Vicerreitoría para dotar dun novo aspecto a dúas das paredes do Pavillón Universitario, que ao igual que Corbato é tamén arquitecto e estudante do máster en Arte Contemporánea. Tras recibir hai unhas semanas un premio económico de 2000 euros polo seu deseño Dinamograma Urbano, Germade prepárase agora para iniciar nas próximas semanas a execución da súa proposta sobre o formigón desta instalación deportiva. “Prevemos que poida supor un mes de traballo, polo que trataremos de aproveitar o bo tempo”, explica este alumno, que propuxo para este espazo un patrón no que buscaba reflectir “o movemento a través das súas unidades mínimas".