DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca a programación cultural deste cuadrimestre no campus

17 obradoiros para todos e todas, incluso para quen non sabe pasar o ferro á roupa

Haberá cursos de djembé, teatro, gaita, patrimonio, tarefas do fogar e moito máis

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 11/09/2013

O novo curso académico xa está aquí e con el ponse tamén en marcha a programación cultural do campus de Ourense. Para comezar, os membros da comunidade universitaria e os cidadáns en xeral xa teñen á súa disposición os obradoiros do primeiro cuadrimestre. Nesta ocasións son 17 os cursos que se ofertan e que abranguen temáticas moi diferentes, desde as tradicionais aulas de teatro ata novas propostas nas que os inscritos poden aprender cousas tan diversas como elaborar alimentos tradicionais ou facer as tarefas máis sinxelas do fogar.

“Na programación deste cuadrimestre hai opcións para todos os gustos. Aumentamos o número de obradoiros con respecto ao mesmo período do curso pasado e ofrecemos máis de 300 prazas. Once dos obradoiros xa se celebraron en anteriores edicións e incorporamos seis novidades moi interesantes. Só nos queda animar á comunidade universitaria e aos cidadáns en xeral a apuntarse a algunha das propostas e a sacarlle todo o xugo á oferta cultural que teñen á súa disposición na universidade”, salienta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense.

Moitas novidades

Entre as novidades da programación deste curso, apunta Filemón Rivas, destaca un obradoiro de corresponsabilidade doméstica no que as persoas inscritas aprenderán a realizar tarefas domésticas sinxelas, como pasar o ferro, limpar a casa, cambiar unha lámpada ou facer a compra axeitadamente. Tamén relacionado co fogar, noutro curso ensinaráselle aos participantes a elaborar alimentos tradicionais con produtos e técnicas artesanais, como a cervexa, os iogures e as conservas. Por outra banda, para as persoas interesadas no mundo audiovisual haberá dúas opcións novas, unha para coñecer as claves para redactar un guión e outra para familiarizarse coa gravación e a edición de vídeo, pensando especialmente neste último obradoiro no crecente uso no eido académico de materiais multimedia.

A interpretación do patrimonio será outra das propostas incorporadas por primeira vez este cuadrimestre. Esta iniciativa, na que se amosará ao alumnado dos diferentes centros as oportunidades que teñen arredor do patrimonio cultural e natural, contará tamén coa participación do Colexio de Arquitectos de Galicia, que presentará o seu Proxecto Terra. Por último entre as novidades, este cuadrimestre tamén haberá un obradoiro de introdución ao ioga da risa, que terá como principal obxectivo a relaxación a través da mestura de exercicio físico e bo humor.

E propostas xa consolidadas

As propostas que repiten do curso pasado, salienta Filemón Rivas, fano “porque ou ben xa hai un grupo de xente formado nelas, como é o caso de teatro, ou ben porque están vinculados con outras accións ou departamentos do campus, como é o caso do obradoiro de cociña saudable, que está relacionado co proxecto Campus ConVida”. Deste xeito, un ano máis a compañía Sarabela levará adiante as aulas de teatro Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto, e Traspediante farase cargo da aula de danza universitaria ourensá. Tamén no eido artístico repetirase o obradoiro de gaita con Gonzalo Abelairas e o de djembé e cantos africanos con Jorge Pérez. Polo éxito que tivo o curso pasado, repetirase o curso de cociña saudable cos chefs Daniel Guzmán e Julio Sotomayor e tamén se celebrará unha nova edición dos obradoiros de prevención de riscos laborais e de mediadores na promoción e a educación para a saúde.

O prazo de matrícula destes obradoiro estará aberto do 16 ao 27 de setembro ata esgotamento de prazas. Con 30 horas de duración cada un deles, salvo no caso das aulas de teatro que ascende a 60 horas, os talleres desenvolveranse en horario de tarde diferentes días da semana. O prezo da matrícula ascende a 40 euros para o público xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 para os bolseiros.