DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un cento de persoas participan este sábado na sétima Ruta Cultural

17 quilómetros para descubrir os tesouros da Serra do Xurés

Os camiñantes poderán tomar parte nun proxecto de investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/03/2009

A mestura de serras escarpadas con formas máis suaves, co granito como gran protagonista; os pequenos ríos que discorren entre rochedos e os bosques cheos de vida, son algúns dos atractivos que agocha a Serra do Xurés.
Situada no suroeste da provincia de Ourense, lindando con Portugal e integrada no Parque Natural da Baixa Limia, a Serrra do Xurés, será escenario este sábado dunha nova Ruta Cultural organizada polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e na que tomarán parte un cento de persoas. “ Das oito rutas que existen na serra escollemos a máis longa, que vai de Cela ao Alto do Pisco completando un percorrido de 17 quilómetros”, explica José García-Calvo.
A ruta que inclúe unha visita á localidade Lobios no Parque Natural da Baixa Limia, clasificouse cunha dificultade media-alta “dado o desnivel que haberá que salvar, que vai dos 350 metros en A Cela aos 1000 do Alto do Pisco”, sinala García-Calvo. Entre os puntos de saída e chegada a ruta descorrerá por Alvite, Salgueiros e Gandaracha.

Gran participación

A ruta deste sábado na que participarán 100 persoas, será unha das máis concorridas do calendario, só superada, ata o de agora pola das Termas na que o número de camiñantes chegou aos 150. En canto ao perfil dos participantes, García Soto sinala que “ a gran maioría son universitarios, un 80% aproximadamente, xa que non esquezamos que por cada tres rutas concédeselles un crédito de libre configuración, ata un máximo de dous”. En canto ao 20% restante, son persoas alleas á Universidade que para tomar parte na ruta deben abonar 13 euros, 5 máis que no caso da comunidade universitaria.
Á ruta desta fin de semana seguiranlles ata completa o programa deste ano outros catro percorrido pola Ribeira Sacra o 28 de marzo, polos Canóns do Sil o 18 de abril, Montederramo o 25 de abril e o Incio o 9 de maio.

Proxecto de investigación CAMIÑOS

Nesta saída os participantes poderá participar do proxecto de investigación CAMIÑOS, dirixido polo profesor de socioloxía David Casado, orientado a pescudar o territorio como medio para camiñantes. A finalidade desta acción é documentar os aspectos maís salientables dun roteiro, para o que os camiñantes que o desexen terán que realizar tres fotografías o que lle pareza maís bonito, outras tres do que lles pareza máis feo e tres co que lle pareza máis típico. As fotografías tomadas ao longo do roterio estarán expostas na páxina web http://webs.uvigo.es/dcneira/xures a partir do 28 de marzo e ata finais de ano.

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Cunha superficie que se achega aos 21.000 metros cadrados, o parque natural esténdese polo sector extremo da subcomarca da Baixa Limia. Situado no suroeste da provincia de Ourense, o Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés, acolle boa parte das serras de Leboreiro, Quinxo, Santa Eufemia, Xurés e Pisco, superando todas elas os 1000 metros de altitude.
Asentado sobre granito, o parque ten unha gran variedade paisaxística que combina altitudes superiores aos 1500 metros e tramos do río Limia que discorre por baixo do 300 metros de altitude. A vexetación do parque alterna os bosques de árbores caducifolias, característicos de zonas húmidas, cos de folla perenne, máis adaptados á falla de auga durante determinadas épocas do ano.
O cabalo, o corzo, o raposo, o xabarín, a lontra, a aguia real, a bubela, a cobra de auga, ou a víbora fociñenta, son algunhas das especies que acolle o parque que conta tamén con numerosos restos megalíticos datados entre o 3500 e o 2000 a.C.