DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán as protragonistas do curso 'Cine Galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost'

18 Comidas, Crebinsky e Doentes ou como facer unha película galega de baixo custe

Durante a súa celebración, alumnado de Comunicación Audiovisual gravará unha produción

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/07/2011
18 Comidas, Crebinsky e Doentes son tres producións galegas estreadas recentemente que ademais da súa idade e orixe teñen en común que son audiovisuais de baixo custe, o coñecido como low cost do sector. Por este último factor común son as pezas escollidas para protagonizar o curso de verán Cine galego. Entre o obxectivo identitario e a produción low cost que se celebrará do 20 ao 22 de xullo en Celanova.

O curso forma parte da programación de verán do campus de Ourense, está organizado pola Fundación Carlos Casares e o Consorcio Audiovisual de Galicia e conta co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de Celanova, a Xunta de Galicia e Novacaixagalicia.

O director da iniciativa, Miguel Anxo Fernández, destaca que o atractivo deste curso radica no seu formato de “master class”, no que cada día se comezará coa proxección dunha das producións e logo durante toda a xornada os seus directores, guionistas, produtores e outros membros do equipo irán debullando cos asistentes as características de cada audiovisual. Deste xeito, o curso contará, entre outros participantes, coas intervencións de Jorge Coira, director de 18 Comidas, Enrique Otero, director de Crebinsky, e de Gustavo Balza, director de Doentes.

Unha festa do audiovisual

“Ademais de ser tres produción de baixo custe, as tres películas son de produción afrontada totalmente por empresas audiovisuais do país e nos seus equipos tecnico-artísticos están moitos profesionais formados xa nas escolas e facultades galegas”, salienta Fernández. Por este motivo, a elección de 18 Comidas, Crebinsky e Doentes se converte na súa opinión nun abano moi axeitado para coñecer a produción de baixo custe, as posibilidades que ofrece ao sector audiovisual galego e ao seu carácter identitario.

Como novidade, o curso contará tamén coa celebración dun taller audiovisual na que un grupo de 8 alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, coordinados polo profesor Paulino Pérez, gravarán e posproducirán en Celanova unha peza audiovisual. Cun guión que xa teñen traballado en clase, os participantes empregarán Celanova como o seu decorado cinematográfico e eles mesmos achegaranse, a pequena escala, á dinámica dunha gravación de baixo custe.

“Celanova será durante uns días unha pequena festa do audiovisual”, salienta o director da iniciativa. Para acadalo, Miguel Anxo Fernández quere destacar as facilidades postas polo campus de Ourense, de onde sairá cada día un autobús para levar aos asistentes ao curso, e do Concello de Celanova, que ofrece aloxamento gratuíto no Albergue Municipal aos participantes.