DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu o venres o acto de graduación do alumnado sénior

18 exemplos de que calquera idade é boa para estudar na universidade

Participaron as e os homenaxeados dos tres campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 21/10/2019

O campus de Ourense acolleu este venres o acto de graduación da XV promoción de tituladas e titulados universitarios sénior e a XIII promoción de tituladas e titulados superiores sénior do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo. No acto celebraron conxuntamente a consecución dos seus títulos 18 alumnas e alumnos dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. As e os homenaxeados recolleron as súas bandas entre o aplauso dos membros da comunidade universitaria, familiares e amigos presentes.

O acto, no que por primeira vez celebraron o seu acto de graduación conxuntamente as promocións dos tres campus da Universidade de Vigo, contou coa asistencia de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, e Alberto Vaquero, coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense.

“Fronte á opción cómoda que era quedarvos na casa, optastes por estudar, por vir a clase, por facer traballos, por participar. Debedes de sentirvos orgullosos”, destacou Alberto Vaquero no seu discurso ás e aos homenaxeados. O coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense recalcou ao alumnado sénior presente como “destes unha lección a todos aqueles que opinan aos meus anos, para que vou estudar. Demostrastes que a idade non é un impedimento para volver ás aulas, que aínda podedes achegar moito ás vosas familias e a toda a sociedade”. O acto contou coa actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum.