DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense presentou este venres a súa oferta de posgrao para o curso 2013/2014

18 mestrados, 569 prazas e unha oportunidade para seguir formándose

Do 28 de xuño ao 4 de xullo está aberto o primeiro prazo para preincribirse

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 28/06/2013
18 mestrados de seis áreas de coñecemento diferentes, 569 prazas, un custo de arredor de 1200 euros, unha duración de un ano e unha calidade educativa acreditada. Con estes referentes se presentou este venres a oferta de posgrao para o curso 2013/2014 do campus de Ourense. Para especializarse, para reciclarse profesionalmente, para mellorar o currículo, para ampliar coñecementos ou para abrir novas oportunidades de futuro, a formación segue sendo unha baza fundamental. Con esta idea de fondo, a Universidade aposta nesta ocasión pola consolidación das opcións de mestrado existentes na cidade das Burgas.

María Lameiras, vicerreitora do campus, e Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do mesmo, foron os encargados de presentar a programación académica de posgrao xunto aos seus coordinadores e coordinadoras. “Agardamos que a crise non sexa un impedimento para que as persoas cumpran o seu desexo de continuar estudando e que de novo os mestrados do campus de Ourense consigan a matrícula necesaria para impartirse o vindeiro curso académico. Do 28 de xuño ao 4 de xullo está aberto o primeiro prazo para preinscribirse neles e animamos a todas as persoas interesadas a coñecelos e a matricularse neles”, destacou María Lameiras durante o acto de presentación.

Opcións en seis centros

Por centros, as facultades de Ciencias da Educación, Dereito e Ciencias son as que máis oferta teñen, impartindo cada unha delas catro mestrados. A Facultade de Ciencias da Educación consolida a súa programación ofrecendo 154 prazas e os mestrados de Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos; de Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos; de Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares e o Mestrado Universitario en Formación do Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas, que habilita aos titulados en Educación para o exercicio profesional como docentes. Pola súa banda, a Facultade de Ciencias disporá no curso 2013/2014 doutros catro mestrados, como son o de Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; o de Nutrición; o deCiencias do Clima: Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático e, por último, o de Fotónica e Tecnoloxías do Láser, este último de carácter interuniversitario.

A Facultade de Dereito retomará o vindeiro curso académico o seu mestrado de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente, continuará ofrecendo o de Información Técnica do Medicamento e impartirá por primeira vez o de Procuradoría e o de Avogacía, imprescindible este último para os novos estudantes de grao que desexen exercer a profesión. Serán en total 150 prazas de posgrao as dispoñibles neste centro. No mesmo Edificio Xuridico-Empresarial, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ofrecerá pola súa banda tres mestrados. Son os xa consolidados de Creación, Dirección e Innovación na Empresa, o de Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e o de Xestión Empresarial e do Deporte, que suman en total 95 prazas dispoñibles.

Para completar a oferta de posgrao do campus de Ourense para o curso 2013/2014, a Escola Superior de Enxeñaría Informática ofrece ás persoas interesadas en continuar os seus estudos dous mestrados, o profesionalizante en Enxeñaría Informática e outro en Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables, cada un deles con 25 prazas dispoñibles. A Facultade de Historia impartirá pola súa banda o mestrado en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais, ao que poden apuntarse unha vintena de persoas.