DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición nos talleres do segundo cuadrimestre está aberto do 13 ao 24 de febreiro

18 obradoiros, 400 prazas e o obxectivo de estender a cultura no campus

Entre as novidades desta edición destacan un curso de emprendemento e outro de sexualidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 09/02/2012

Teatro, danza, circo, fotografía dixital, argumentación, redes sociais, astronomía, escalada, música tradicional, animación e así ata 18 propostas son as que compoñen a programación dos Obradoiros de Extensión Universitaria do campus de Ourense deste segundo cuadrimestre. Xunto a iniciativas xa tradicionais que convocatoria tras convocatoria consolidan o seu público, nesta edición introdúcense dúas grandes novidades. Trátase dun taller de busca de emprego e fomento da iniciativa emprendedora e outro de sexualidade e identidade.

“A programación deste cuadrimestre é moi variada e para públicos moi diferentes. Combina obradoiros xa asentados, como os de teatro, con outros que tiveron boa resposta de público noutras edicións, como o de debate, con novas incorporacións, como o de sexualidade”, explica Filemón Rivas, responsable do Servizo de Actividades Culturais do campus. En total, os talleres, organizados pola Vicerreitoría do campus de Ourense co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, ofrecen preto de 400 prazas que teñen por obxectivo potenciar a cultura entre a comunidade universitaria e fóra dela.

Segundo destaca Filemón Rivas, as principais novidades deste cuadrimestre son os cursos Emprego e iniciativa emprendedora e Sexualidade e identidades: espazos para a transgresión. O primeiro introducirá aos asistentes nas técnicas de busca de emprego e no proceso de creación dunha empresa. O segundo, impartido polas investigadoras da Universidade de Vigo María Victoria Carrera e Alba Penas, afondará na identidade sexual e nas identidades de xénero subversivas.

O peso das artes

Xunto a estas novidades, a arte será unha das grandes protagonistas da programación. Convertidos xa nun referente teatral en Ourense, celebraranse os tres obradoiros da Aula de Treatro Universitario baixo o nome de Rosaura, Cordelia e o Maricastaña, que unha vez máis traballarán para a súa participación na MITEU. A Aula de Danza seguirá consolidando o seu grupo coa incorporación de novos membros e os amantes do circo poderán volver a gozar do taller de malabares e equilibrio, onde afondarán nas posibilidades de aplicación educativa e lúdica das actividades circenses.

Os contidos dixitais tamén terán un forte protagonismo na programación, celebrándose catro obradoiro desta área, concretamente de fotografía dixital, de retoque fotográfico con Photoshop, de redes sociais como ferramenta de traballo e de cine de animación, impartido este último polo creador Dick Van Der Vondel.

Aproveitando recursos propios

“En tempos de crise, nesta programación fixemos fincapé en aproveitar os recursos da propia Universidade, apostando por obradoiros impartidos polos seus servizos e docentes”, salienta Filemón Rivas. Nesta liña, o Gabinete Psicopedagóxico do campus ofrecerá un taller de mobilidade e prevención de accidentes na mocidade; a Oficina de Voluntariado da Universidade de Vigo impartirá un de animación e dinamización desde a acción voluntaria; o profesor José Ramón Salgueiro introducirá aos interesados na obsevación astronómica, e o responsable das rutas culturais, José García-Calvo Willy, dará o seu xa tradicional curso de supervivencia, técnicas de escalada e rappel. Despois dunha experiencia piloto no primeiro cuadrimestre, tamén volverá a celebrarse o taller de técnicas de argumentación e comunicación oral en debates coa idea de intentar organizar a finais de cuadrimestre a primeira liga de debate universitario no campus.

Prazo e prezos

O prazo de matrícula está aberto do 13 ao 24 de febreiro, podéndose inscribir tanto membros da comunidade universitaria coma persoas alleas a ela. Os prezos son 40 euros para ao público xeral, 30 para os membros da comunidade universitaria e 20 euros para os bolseiros. Os cursos de emprendemento e mobilidade son gratuítos.