DUVI

Diario da Universidade de Vigo

180 rapaces da comarca participaron no campus nunha xornada de promoción do atletismo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 11/12/2009

Máis de 180 nenos da comarca da Vigo déronse cita este venres no campus nunha xornada de promoción do atletismo entre os escolares organizada conxuntamente pola Federación Galega e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
A través do xogo e actividades lúdicas, a organización pretende facilitar a todos os nenos galegos en idade escolar a práctica de actividade física baixo parámetros educativos. Esta iniciativa enmarcase dentro do programa Xogade, Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar, que ten como finalidade desenvolver actividades que se realizan con obxectivos formativos, recreativos e saudables para toda a poboación escolar.
Dentro deste programa, o Pavillón Universitario acolleu unha das “xornadas lúdico-recreativas”, como as define o delegado da Federación Galega de Atletismo, Eleuterio García baixo o nome de Xogando co Atletismo, “para promover a práctica deste deporte nos centros escolares”. Desta volta, desenvolveuse a fase clasificatoria correspondente á zona de Vigo, á que seguirá a fase autonómica e a final nacional, que terá lugar en Zaragoza o vindeiro 17 de xaneiro.
Ao longo da maña, os rapaces, procedentes de centros de As Neves, O Rosal, Vigo, Arbo, Nigrán ou a A Guarda, realizaron probas de relevos, saltos, lonxitude, lanzamento de xabalina, de peso etc., co fin de potenciar os xogos motrices como instrumento educativo, facilitar a iniciación ao atletismo en pista e fomentan a práctica atlética educativa e saudable nas pistas galegas en equipo femininos, masculinos e mixtos nas diferentes categorías.

Rugby na fin de semana

Tras o resultado negativo do pasado domingo para o Ednon Universidade de Vigo de rugby, esta fin de semana será de descanso para o primeiro equipo así como para o combinado feminino e os cadetes. Os que sí xogarán é o equipo B e o xuvenil, que se desprazan á Coruña para disputar os seus partidos contra o CRAT.
Por outro banda, continúa tamén no campus a Escola de Rugby para nenos maiores de cinco anos. O prognóstico meteorolóxico positivo para estes días fai que o club agarde que a participación de rapaces sexa bastante elevada.