DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación de Ourense e a Universidade asinaron este martes o seu convenio de colaboración anual

181.000 euros para cultura, mobilidade e investigación

Tamén se presentou a convocatoria 2014 das bolsas de mestrado para descendentes de españois e estran

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 03/06/2014
Cada ano, o campus de Ourense, entre outras cuestións, desenvolve unha intensa programación de actividades culturais, de proxección universitaria, de axuda ao alumnado que participa no Programa Erasmus e de apoio aos seus grupos de investigación. Para desenvolver todas estas accións en 2014, a Deputación Provincial de Ourense achegará á Universidade de Vigo 165.000 euros. Ademais destas actividades, cada curso unha ducia de descendentes de españois e estranxeiros benefícianse das bolsas de mobilidade Ourense Exterior. A convocatoria deste ano será financiada con 10.000 euros por parte do órgano provincial e con 6000 euros polo Consello Social da Universidade de Vigo. As tres institucións implicadas nestas iniciativas renovaron este martes o seu compromiso coa sinatura de dous convenios de colaboración.

O acto, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade de Ourense, contou coa participación de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, e de Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, ademais da asistencia de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. “Estes convenios son un símbolo claro e inequívoco da alianza estratéxica que temos coa Deputación”, explicou Salustiano Mato, recalcando o compromiso das institucións ourensás co seu campus. As accións froito desta colaboración, tanto dos convenios como de iniciativas como o Campus da Auga, salientou o reitor, enmárcanse na convicción de que “a Universidade ten que ser moito máis para a cidadanía e por iso queremos cada vez máis mergullarnos coa xente desta cidade e desta provincia”.

Cada institución, subliñou Manuel Baltar, “desde a súa perspectiva, aposta firmemente pola potenciación do campus de Ourense, porque con este irrenunciable compromiso estamos contribuíndo ao desenvolvemento da nosa provincia a través da formación e a preparación dos universitarios”. Nesta liña, comentou, a sinatura destes convenios é "un paso máis de moitos que virán” e mostra de proxectos nos que Universidade e Deputación van da man compartindo obxectivos e intereses comúns, como a especialización do campus no eido dos recursos hídricos.

Obradoiros, teatro, rutas culturais e moito máis

O primeiro dos convenios asinados, o convenio de colaboración entre a Universidade e a Deputación para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no campus, está dotado, ao igual que en 2013, con 165.00 euros, IVE incluído, e ten como obxecto a promoción e o fomento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte que redunden en beneficio da sociedade e do interese xeral da provincia ourensá.

Concretamente, o orzamento estará destinado a financiar o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus (Ino2014), ao programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado ourensán integrado no programa Erasmus e ao programa de proxección universitaria e actividades culturais. Este último inclúe a programación da Sala Alterarte, os obradoiros cuadrimestrais, as citas teatrais Miteu e Moti, as rutas culturais, o Coro Universitario do Campus de Ourense, os cursos de verán, a Cátedra Carlos Casares, o concerto de Nadal e as actividades Visións de Galicia e Portugués Perto, ademais de accións que fomenten a igualdade e a inclusión de todas as persoas.

10 bolsas para alumnado foráneo

Pola súa banda, o convenio de colaboración das bolsas de mobilidade Ourense Exterior ten como finalidade facilitar a mobilidade de estudantes descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois e de cidadáns estranxeiros para cursar estudos de mestrado presenciais no campus de Ourense. O número de axudas para o curso 2014/2015 será de dez e as bolsas cubrirán a matrícula no centro correspondente e unha axuda de 600 euros para contribuír aos gastos da viaxe. Poderán solicitar estas axudas as persoas con máis de 18 anos e menos de 30 que cumpran os requisitos académicos necesarios para acceder á titulación que queren cursar e que cumpran a condición de ser cidadáns residentes no estranxeiro ou ourensáns, galegos, españois ou os seus descendentes ata segundo grao inclusive residentes no exterior.

“En tres anos de convocatoria, estas bolsas tiveron un notable incremento de solicitudes, presentándose na última edición 38”, destacou Ernesto Pedrosa. Sobre esta iniciativa, apuntou, é importante destacar que é exclusiva do campus de Ourense e que permite o dobre obxectivo de traer ás súas aulas o coñecemento académico estranxeiro ao mesmo tempo que contribúe á difusión da oferta de estudos ourensáns no eido internacional. No caso dos descendentes de españois, as estandías proporcionan tamén aos estudantes a oportunidade de coñecer mellor a cultura dos seus antepasados e o sistema universitario galego.