DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación amosa as exposicións comisariadas por Ignacio García durante o período 2007-2010

19 creadores plasman no catálogo de Alterarte a súa obra emerxente

O volume recolle o traballo de numerosos artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 24/01/2011
Para os creadores que realizan ou rematan os estudos de Belas Artes un dos seus maiores desexos e ao mesmo tempo reto é atopar espazos nos que poder desenvolver e amosar ao público a súa obra. Un deses espazos, pensado especialmente para dar entrada a novos artistas, é a sala Alterarte, no campus de Ourense. O seu recén editado catálogo 2007-2010 recolle o traballo de 19 artistas e colectivos emerxentes que expuxeron a súa obra en Alterarte sendo comisario da mesma Ignacio García. Entre a lista de creadores atópase un nutrido grupo procedente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Durante a presentación este luns do Catálogo da Sala Alterarte 2007-2010, a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, salientou o importante papel desta sala para proxectar a obra de artistas emerxentes pero tamén “para dinamizar a vida cultural da cidade e ofrecer á comunidade universitaria unha formación integral, onde a cultura ten unha dimensión fundamental”. Pola súa banda, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar, renovou o apoio desta institución a Alterarte “porque estar ao lado de Alterarte é colaborar para que os nosos novos creadores teñan un inmellorable escaparate para amosar as súas obras, e fomentar así entre todos a creación artística e cultural”.

Ignacio García explica que durante o seu comisariado, e tal e como recolle o catálogo, tiveron especial protagonismo os creadores emerxentes procedentes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, aínda que tamén se deu entrada a artistas e colectivos procedentes doutras xeografías, como Barcelona, Madrid, Valencia ou Portugal. “Tiñamos unha aspiración global pero tamén un compromiso co local” salienta.

Froito desta filosofía, destaca García, a publicación, ao igual que as obras que plasma, sitúanse entre “o cocido e o cru, entre o que está feito e o que está por facer, pois nada está pechado e moito menos se falamos das primeiras propostas de artistas”. Para transmitir esa sensación de a medio camiño o deseñador do catálogo, Xosé Luis Vázquez, sinala que o catálogo se deseñou como “un caderno de apuntamentos aberto pero ben feito”.

Primeiras oportunidades

No catálogo pódese realizarse un percorrido visual polas propostas de creadores como Enrique Lista, Oliver Añón, Tamara Feijoo, Jesús Jiménez, Samuel Castro, Carme Mazaira e Fran Meana ou por proxectos como F.R.I.C.S, Eme y Eme Show ou Fanzine Enfermo. Para moitos dos creadores foi a primeira oportunidade de ter unha exposición individual e para outros foi un paso máis na consolidación da súa traxectoria artística.

Durante o acto de presentación do catálogo, os participantes quixeron destacar e agradecer especialmente o traballo realizado por Juan Francisco Gálvez, ex vicerreitor do campus de Ourense que puxo en marcha Alterarte, proxecto sen a cal “o campus universitario estaría coxo”, segundo salientou Ignacio García.

A sala continúa na actualidade o seu traballo expositivo baixo a coordinación de Xosé Manuel Buxán. Os que desexen achegarse ata Alterarte poderán ver agora da exposición Formatos, mostra de Mar Vicente comisariada polo crítico de arte Xosé Manuel Lens que forma parte da serie Estado Crítico. 10 Comisarios 10 Artistas, unha iniciativa que traerá a Alterarte ata finais de 2012 as propostas de artistas emerxentes seleccionados por destacados comisarios e críticos de arte, tal e como salientou María Lameiras na presentación do Catálogo da Sala Alterarte 2007-2010.