DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro prazo de preinscrición está aberto ata o día 4 de xullo

19 opcións e 614 prazas para realizar un mestrado en Ourense

Abranguen as áreas de Ciencias, Dereito, Empresariais e Turismo, Educación, Historia e Informática

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 29/06/2012

É tempo de matrícula na Universidade de Vigo e para aqueles que o vindeiro curso académico queiran realizar un mestrado o campus de Ourense vén de presentar este venres a súa oferta de posgrao. Trátase de 19 títulos que ofrecen un total de 614 prazas e que abranguen todas as áreas que se imparten nos centros ourensáns, como son Dereito, Empresariais e Turismo, Ciencias, Educación, Historia e Enxeñaría Informática.

A oferta de mestrados 2012/2013 foi presentada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e responsables de diferentes estudos de posgrao. “A programación do vindeiro curso consolida mestrados que se veñen impartindo cada ano con éxito no campus de Ourense con novas propostas que intentan dar resposta ás necesidades formativas dos egresados”, apuntou María Lameiras durante o acto. O primeiro prazo de preinscrición está aberto ata o día 4 de xullo para as persoas interesadas, puidendo abrirse un segundo e sucesivos prazos en caso de quedar prazas vacantes.

Novidades e consolidacións

A Facultade de Dereito é a que máis novidades ofrece para o vindeiro curso. Ademais de acoller unha nova edición dos mestrados en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente e en Información Técnica do Medicamento, o centro ofrecerá por primeira vez o Máster Universitario en Avogacía e o Máster Interuniversitario en Procuraduría, titulacións que serán precisas para o exercicio destas profesións. Tamén estrea estudo de posgrao a Escola Superior de Enxeñaría Informática, que ademais de ofrecer a cuarta edición do seu Máster en Sistemas Software Intelixentes e Adaptables, impartirá en 2012/2013 o Máster en Enxeñaría Informática.

Os demais centros ourensáns optaron pola consolidación do seus mestrados. Deste xeito, a Facultade de Historia acollerá a cuarta edición do Máster en Historia, Territorio e Recursos Patrimoniais e a Facultade de Ciencias impartirá de novo os mestrados de Nutrición; Fotónica e Tecnoloxías do Láser; Ciencias do Clima, Meteoroloxía, Oceanografía Física e Cambio Climático; Ecosistemas Terrestres, Uso Sustentable e Implicacións Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria.

Na área de Ciencias da Educación ofrécense un total de 182 prazas para a especialización docente, cos títulos de Máster en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos; Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos; Máster en Investigación Psicosocioeducativa con Adolescentes en Contextos Escolares; e Máster para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idioma. Por último, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ofrecerá aos interesados unha nova edición dos xa consolidados mestrados en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e en Xestión Empresarial do Deporte.