DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Luis Rodríguez Ennes foi o padriño da primeira promoción de licenciados en Dereito e volverá a selo

19 xeracións de xuristas e un ciclo que se pecha

O catedrático da Universidade de Vigo destaca o perfil polivalente destes egresados

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 15/02/2013

Co segundo cuadrimestre avanzado, o alumnado dos últimos cursos de cada titulación do campus de Ourense traballa xa na organización dos seus respectivos actos de graduación. Entre eles está a XIX promoción da licenciatura de Dereito, a última destes estudos que naceron coa Facultade de Dereito ourensá en 1990. Padriño da súa primeira promoción foi o pai fundador do centro, o catedrático da Universidade de Vigo Luís Rodríguez Ennes, que este ano pechará o ciclo volvendo a apadriñar á última xeración de licenciados en Dereito.

O día 24 de maio é o día elixido polos estudantes de quinto curso da licenciatura de Dereito para celebrar o remate do seu período como universitarios e a data na que a institución académica pechará esta titulación e dará a benvida á primeira promoción do grao en Dereito, titulación que substitúe á licenciatura respondendo ás esixencias do Plan Boloña. A súa elección como padriño colleu a Rodríguez Ennes por sorpresa pero foi un motivo de satisfacción e unha escusa perfecta para facer memoria de máis de vinte anos duns estudos que foron impartidos ou realizados por boa parte dos xuristas que na actualidade exercen na provincia de Ourense.

Profesionais pensantes e críticos

“Facendo memoria, a primeira promoción ocupa un lugar preferente, porque foron os pioneiros, os que sufriron todas as carencias propias do que estabamos creando. Non había tradición de estudos xurídicos en Ourense, partimos da nada e foi moi duro para todos, para os docentes e para o alumnado”, lembra. Moitos deses estudantes da primeira promoción hoxe, destaca o catedrático de Dereito Romano, son avogados, xuíces ou diplomáticos e “para min persoalmente e para o centro son o maior dos orgullos”.

Da última promoción destaca que confía na súa formación, pola calidade educativa que ten alcanzado a facultade, e desexa que a universidade conseguira proporcionarlle estes anos de estudo a estrutura mental precisa para ser capaces de “saber pensar xuridicamente”. O importante, advirte, “non é memorizar unha lei, é saber pensar un problema e resolvelo interpretando axeitadamente as normas”. Sobre o futuro laboral que lle agarda a estes egresados subliña que “terán que enfrontarse a unha situación profesional que é reflexo do mal que está o país. Coa ausencia de oposicións, péchase unha tradicional saída laboral para os xuristas. Pero teñen unha formación polivalente e non superespecializada, polo que poden desenvolverse en moitos ámbitos tanto públicos coma privados".

Neste futuro profesional, o catedrático ourensán salienta a importancia fundamental de que “ante a vida e ante o poder teñan unha actitude de crítica construtiva, pois quen recoñece a autoridade da lei sen discutila é un servo nunha ditadura, non un xurista”. Tamén lles aconsella que “non se pechen a novas experiencias e a novos saberes” pois, apunta, a formación e a inquedanza intelectual faralles medrar como persoas e como profesionais ao longo de toda a vida.

Lamentando que os estudos de Dereito se reduciran a catro anos no EEES, “cando incluso en Boloña teñen cinco”, e alegrándose de que se habilite un mestrado previo ao exercicio da avogacía, Luis Rodríguez Ennes apadriñará o día 24 de maio á ultima promoción de licenciados co desexo de que as vindeiras xeracións de egresados en Dereito de Ourense sigan a aproveitar un centro que, destaca, mantén o seu espírito de implicar na súa actividade ás institucións e aos profesionais da contorna e que se sempre traballou por ofrecer un ensino de calidade.