DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun programa de bolsas formativas que promove a Deputación Provincial

A 1ª promoción de Dirección e Xestión Pública colle experiencia nos concellos pontevedreses

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 08/07/2013
12 graduados e graduadas da primeira promoción en Dirección e Xestión Pública foron seleccionados para participar no programa de bolsas de formación da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa da que xa se están a beneficiar 318 titulados das tres universidades galegas. Os concellos de Baiona, Cambados, Marín, Pontecaldelas, Sanxenxo e Tomiño acolleron a nove destes egresados e egresadas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación nas súas instalacións. Os tres titulados e tituladas restantes están xa a realizar as súas prácticas preprofesionais no Servizo de Recadación e no Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial. Todas estas bolsas teñen un período de duración que oscila entre os seis e os 12 meses de duración e contan cun apoio económico de 800 euros brutos ao mes.

Para o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Enrique Varela, o feito de que 12 mozos e mozas da primeira promoción en Dirección e Xestión Pública foran seleccionados para participar neste proxecto formativo dá boa mostra da aceptación que está a ter esta titulación no mercado así como “da aposta que tanto empresas, públicas e privadas, como os propios concellos e mais a deputación fan polo alumnado da Universidade de Vigo”. Segundo explica o propio Varela, vinculado á Área de Ciencia Política e da Administración, é moi posible que esta iniciativa teña continuidade no tempo o que permitirá “facer máis visible o nicho de mercado dirixido ao alumnado deste grao ao tempo que aumenta a súa visibilidade entre a comunidade universitaria e o resto da sociedade”. O docente, que tamén participou no proceso de selección dos candidatos e candidatas, asegura que o procedemento empregado para a súa selección fixo posible que os mellores expedientes e currículos de todo o país estean hoxe gozando dunha bolsa de formación nalgún concello pontevedrés ou na propia deputación.

Presentadas máis de 12.900 solicitudes

Máis de 12.900 rapaces e rapazas participaron nun proceso de selección aberto aos titulados e tituladas do Sistema Universitario de Galicia. Mais, só 1853 persoas conseguiron pasar á segunda fase destas dúas convocatorias públicas nas que os candidatos e candidatas, logo de seren debidamente valorados os seus méritos académicos, debían superar unha entrevista persoal. Finalmente son 196 as persoas que se están a beneficiar dunha bolsa de formación nalgún dos concellos da provincia e 74 os bolseiros e bolseiras que están a desenvolver as súas prácticas nas distintas dependencias da Deputación de Pontevedra.