DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da Semana da Ciencia

O 1º Concurso de relatos "Ciencia que conta" fomenta a cultura científica e a posta en valor do I+D+i galego

O prazo de recepción de traballos remata o 30 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 23/10/2008

Científicos famosos, descubrimentos, experimentos de laboratorio ou mesmo fenómenos cotiás. Sempre que estean relacionados coa ciencia poden ser o xermolo da historia gañadora do 1º Concurso de relatos Ciencia que conta. Como parte do programa de actividades da Semana da Ciencia 2008, este certame ten como finalidade a posta en valor do I+D+i como motor do desenvolvemento das sociedades ao tempo que pretende servir para achegar a sociedade ao eido científico e ás profesións a el vinculadas.
Organizado por un equipo de profesores da Universidade de Vigo, que conforman o proxecto Ciencia con todos, trátase se relatar poñendo en valor a importancia da ciencia para o crecemento e o benestar da sociedade galega, recoñecendo así a importancia social deste tipo de actividades. Por este motivo, o certame está aberto ao conxunto da sociedade, polo que se contemplan catro categorías: alumnado de Educación Primaria, de ESO, de Bacharelato e público en xeral. Deste xeito poderán participar todos os que, residindo en Galicia, se animen a achegarse a calquera aspecto ou ámbito da ciencia a través dun relato dun máximo de 1000 palabras. Segundo explica o profesor Pío González, do Departamento de Física Aplicada e membro do proxecto Ciencia con todos, "temos varias actividades encadradas dentro da Semana da Ciencia: estamos a realizar obras de teatro de contido científico e distribuímos axendas escolares científicas así como libros de divulgación entre as bibliotecas dos institutos", ao tempo que anima a todos a participar no concurso de relatos.

Condicións e prazos

Xa que se trata de achegarse ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos, os relatos ou contos poden centrarse nun aspecto científico puntual ou na observación dun fenómeno ou experimento simple, pero o que non se buscan son relatos de ciencia ficción nin artigos sobre ciencia. Dende a organización ofrécense varios exemplos de contidos como punto de partida dos escritos: biografías, historias de ciencia sobre o xeito no se que inventou algo, descubrimentos, traballos de laboratorio ou exploracións de natureza ou mesmo experiencias persoais ou incluso caseiras, arredor de feitos simples ou observacións da vida cotiá. Con todo, valoraranse os relatos que inclúan como protagonistas a mulleres ou xiren arredor de historias de mulleres, pero o xurado terá en conta tanto a calidade do relato como o acerto no contido científico.
O prazo para presentar os traballos rematará o vindeiro 30 de outubro e os premios entregaranse nun acto público específico dentro da Semana da Ciencia entre o 10 e o 23 de novembro. En cada categoría haberá tres premios, estando o primeiro dotado cun ordenador ultraportatil, e o segundo e o terceiro de lotes de libros, xogos e material diverso.

Bases do concurso (192.54 kb)