DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 24 ao 26 de xuño no Edificio de Ferro

20 anos de investigación da historia de Galicia concentrados nunhas xornadas

Territorio e historia centrarán as xornadas nas que participarán destacados expertos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 18/06/2009

Coñecer o pasado é fundamental para aprender dos nosos erros e non volver a cometelos. Con esta premisa o Edificio de Ferro acollerá do 24 ao 26 de xuño as xornadas de Historia e territorio: 20 anos de investigación sobre Galicia (1988-2008). Este seminario fará un balance da historiografía na nosa comunidade, dende o ano 1988 ata a actualidade. “É unha posta a punto, ver o que se fixo, o que se está a facer, as lagoas que hai e por onde van as directrices para o futuro”, explica María López, directora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, encargado da organización das xornadas.
É a primeira vez que se realiza un seminario destas características no campus e o motivo de que se faga agora ten moito que ver co proxecto de mellora que este departamento está levando a cabo coa súa Revista Minius. “Un dos compromisos que adquirín cando cheguei á dirección foi o de subir de calidade a nosa publicación e pareceunos que realizar estas xornadas sería un bo xeito de romper coa dinámica actual”, xa que o número deste ano da revista estará dedicado a un monográfico sobre o desenvolvemento do seminario.
O tema eixo das xornada tampouco foi elixido por azar, “a partir do ano próximo impartirase na facultade o Máster de Historia e Territorio e pensamos que facer unha revisión historiográfica dos últimos 20 anos sería unha boa idea”. Precisamente elixiuse comezar este repaso no 1988, “porque este foi o último ano en que se fixo un balance historiográfico en Ourense”. O congreso preséntase ademais, como unha posta en común das investigacións e publicacións que se fixeron durante este período sobre a materia, tratando de adiantar por onde se orientarán as liñas de estudo no futuro.
As xornadas diríxense especialmente á comunidade universitaria, pero “son de grande interese para toda a sociedade”. Aqueles que desexen matricularse no seminario poderán facelo ata o 22 de xuño. O boletín de inscrición máis o programa poden descargarse na páxina web do departamento.

Un repaso de 20 anos en tres días

O programa está organizado en tres bloques temáticos, aínda que non se corresponden cos días nos que se desenvolven as xornadas. O primeiro destes apartados ten como eixo o tema do territorio, “que se tratará con tres conferencias, as do primeiro día pola mañá”, indica López. Nesta sesión falarase do valor do territorio, a nosa imaxe e identidade, das zonas rurais e o proceso de cambio socioeconómico e da articulación comarcal e territorial de Galicia a principios do século XXI.
O seguinte apartado, que se desenvolverá ao longo da tarde do 24 e as outras dúas xornadas, a súa vez divídese en dous bloques, “un no que se analiza a historia nas etapas cronolóxicas clásicas e outro de temáticas transversais, como por exemplo a antropoloxía, as migracións ou a historia das mulleres”.
O congreso contará coa participación de recoñecidos expertos na materia da Universidade de Vigo, de A Coruña e de Santiago de Compostela. Eleña de Uña será a encargada de ofrecer o relatorio inaugural, falando do valor do territorio. A propia decana da Facultade de Historia, Milagros Cavada, tamén participará nas xornadas cunha conferencia sobre os estudos de Historia Antiga de Galicia realizados nos últimos 20 anos; Ladislao Castro, fará o mesmo pero coa investigación sobre a Cultura Castrexa; do período medieval falará Francisco Pérez e na historiografía modernista centraranse José M. Pérez e a propia María López. Por parte da Universidade de Santiago de Compostela, o congreso contará coa participación, entre outros, de Pilar Cagiao, que tratará o tema das migracións galegas; Monstserrat Villarino que falará do territorio rural; Antonio Doval que se centrará na articulación comarcal de Galicia ou Ramón López Facal, que porá en relación historia e identidade. Pola súa banda José María Cardesín participará en representación da Universidade de A Coruña.