DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido pola profesora da UVigo María José Bravo Bosch e editado por Tirant Lo Blanch

20 autores de catro países analizan nun libro a “necesaria conexión entre xustiza e xénero”

Na presentación participou o catedrático da Universidad Carlos III, Francisco Javier Álvarez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 23/11/2023

20 especialistas de diferentes ramas do dereito de España, Italia, Portugal e Brasil comparten as súas visións sobre a perspectiva de xénero e a xustiza nun libro que coordina a profesora do Departamento de Dereito Privado da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch. O volume, Justicia y Género, foi presentado este xoves no edificio Redeiras nun acto no que ademais da coordinadora participaron a directora do Instituto de Xustiza e Xénero da UVigo, Inés Celia Iglesias Canle e o catedrático de Dereito Penal da Universidad Carlos III de Madrid, Francisco Javier Álvarez García, ambos autores de cadanseu capítulo.

Na presentación, a coordinadora do libro agradeceu o apoio do Instituto de Xustiza e Xénero da Universidade de Vigo que dirixe a profesora Iglesias Canle para que esta obra puidese ver a luz e puxo en valor o feito de que o publique a editorial Tirant Lo Blanch, “a primeira no catálogo de editoriais científicas, de todas as españolas a máis prestixiosa”.

Sobre o traballo realizado por esta vintena de estudosos, Bravo Bosch destacou que a súa “non é unha visión superficial da perspectiva de xénero, é un compromiso claro coas necesidades que temos as mulleres, coa necesidade de que nos apoien os homes na nosa batalla diaria”. Ademais, a docente tamén fixo fincapé na importancia de poñer o foco non só na violencia física que se exerce sobre as mulleres, senón tamén na psicolóxica que, “en moitas ocasións non se percibe e é moito peor que a que é moito máis tanxible e fisicamente perfectible”.

Dividido en catro partes

Tras unha introdución histórico-xurídica, no volume analízase dende unha perspectiva xurídica a proxección dos estereotipos de xénero no ámbito da xustiza. A argumentación probatoria, a perspectiva de xénero nas decisións xudiciais, os prexuízos, a libre valoración da proba e o xénero no proceso, así como o principio de igualdade, constitúen o principal obxecto de estudo. Así mesmo, analízanse temas como a violencia contra as mulleres, coas mulleres migrantes e a súa conquista da cidadanía, as novas excepcións á dispensa familiar para mulleres e menores en casos de violencia vicaria, e as medidas civís na orde de protección das vítimas de violencia de xénero, que reforzan a convicción estendida socialmente da necesidade lexislativa continuada de dotar de disposicións esenciais nesta materia. O traballo conclúe cunha bloque centrado no Dereito Comparado que como destacaba a coordinadora, “enriquece aínda máis a reflexión que suscita a temática do principio de igualdade ante situacións de discriminación multifactorial como as que son obxecto de estudo”.

Con este volume, con cuxa adquisición en formato físico se obtén tamén a versión dixital, os autores pretenden “informar e formar a todas as persoas e a todos os colectivos da necesidade de contribuír en materia de xustiza e xénero todos os días, na vida cotiá, non só cando se lexisla, senón tamén cando se vive e tamén cando se ensina e cando se aprende”.

A necesidade de "repensar as cousas"

No acto participou tamén o catedrático da Universidad Carlos III, Francisco Javier Álvarez García, un dos autores do estudo, que fixo unha intervención centrada en múltiples aspectos relacionados coa relación entre o xénero e a xustiza. O catedrático recalcou que os dous delitos que máis se comenten son o de violencia de xénero e o de tráfico de drogas pero en moitas ocasións os penalistas se centran en temas “puntuais ou numericamente pouco importantes” en lugar de nestes campos. Lembrou tamén este ano vaise pechar con case 60 mulleres mortas “e alguén debería responder das políticas se están levando a cabo nos últimos” xa que se incrementou “nun 20% o número de homicidios”. 

Álvarez García tamén criticou varios aspectos da Ley Orgánica 10/2022 de 6 de setembro, de Garantía Integral de Libertad Sexual. Referiuse, por exemplo, ao artigo 3.2 que está enfocado á defensa de mulleres, nenos e nenas pero que no caso dos abusos sexuais no seo da igrexa católica, sostén o catedrática, “deixa fóra da lexislación” ás vítimas varóns, que representan o 84% dos 430.000 persoas, segundo os datos presentados polo Defensor del Pueblo, Ángel Gabilondo. Neste sentido, o catedrático fixo un chamamento para “non caer no fanatismo” e animou, igual que o fixo Inés C. Iglesias Canle, a “repensar algunhas cousas”, obxectivo aos que espera que poida contribuír este libro no que colaboran representantes de moitas especialidades, “como romanistas, constitucionalistas, penalistas, etc”.