DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase este luns e martes no campus de Vigo

200 asistentes e máis dunha vintena de relatorios na terceira edición do Annual Meeting do Cinbio

Centrada na traslación dos avances de laboratorio á práctica médica en eidos como o cancro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI 01/07/2019

195 especialistas (117 mulleres e 78 homes) de España, Portugal, Alemaña, Chile, Reino Unido, Francia, Holanda e Italia participan este luns e martes na terceira edición do Annual Meeting do Centro de Investigación Biomédica (Cinbio). Nesta cita, organizada por persoal investigador de postdoutoramento deste Centro Singular de Investigación de Galicia, presentaranse 23 relatorios, así como sesións póster e comunicacións da man tanto de oradores internacionais e convidados que reflicten “o carácter do noso centro de investigación con expertos en cancro, nanomateriais, bioinformática, bioestatística, inmunoloxía, síntese química e outras disciplinas que aborda o Cinbio”. Así o explicaba no acto de apertura Lorena Vázquez-Iglesias, investigadora de postdoutoramento no Grupo de Química Coloidal e voceira dun Comité Organizador que definiu como un “grupo multidisciplinar de investigadores con moito entusiasmo e motivación que traballan no Cinbio en diferentes áreas como nanomedicina, biomarcadores, química, etc.”. 

Esta terceira edición do congreso, baixo o título From bench to bedside: diagnosis, therapy & data analysis, céntrase na ciencia traslacional, é dicir, a investigación científica básica que traballa co obxectivo de crear novas terapias, procedementos médicos ou diagnoses. “A meta final é integrar a investigación básica con tratamentos potenciais para enfermidades, cremos que é moi importante traducir os avances científicos a unha práctica médica, por iso esta edición está centrada na diagnose do cancro, as terapias e a análise de datos, polo que agardamos poder ampliar os nosos coñecementos sobre nanopartículas e as súas aplicacións, bioinformática, etc.”, apuntaba Vázquez-Iglesias.

A finalidade desta reunión anual é, explicaban os organizadores, “abrir unha discusión creativa sobre as novas ferramentas para a medicina do futuro”, xa que en eventos coma estes, académicos e estudantes poden participar e intercambiar puntos de vista e discutir os seus resultados. O programa comprende dúas conferencias plenarias impartidas por Jesús Martínez de la Fuente, do Instituto de Ciencia de Materiales de Aragón (ICMA) e Fátima Al-Shahrour, da Unidade de Bioinformática do CNIO, que foi a encargada de abrir o congreso cunha ponencia sobre a identificación das dependencias xenéticas farmacéuticas para a terapia personalizada do cancro, así como sete ponentes convidados. Ademais, a organización outorgará mañá martes un premio ás mellores comunicacións orais e de póster. 

Investigación de excelencia e moi preto da sociedade

No acto de apertura, África González, directora do Cinbio, felicitou aos investigadores que organizaron este evento e lembrou que este centro de investigación multidisciplinar “traballa dende a excelencia pero moi preto da sociedade, con 215 investigadores, entre eles algúns na elite das súas áreas como David Posada, Isabel Pastoriza, Juan Carlos Parajó, Herminia Posada, Ángel Rodríguez de Lera ou Jorge Pérez Juste”. Recordou a responsable que o Cinbio traballa en colaboración cos hospitais e artella a súa investigación arredor de cinco áreas principais: cancro, inmunidade e inflamación, neurociencia, biosaúde e obesidade e enfermidades metabólicas, así como en áreas transversais como bioestatística e bioinformática e innovación desenvolvendo novos métodos de prevención, diagnose e terapia. González tamén achegou algúns “indicadores de calidade do centro”, como a consecución de 86 proxectos entre 2016 e 2018, o que supón un incremento de máis do 20% respecto do período 2013-2015, así como 568 publicacións, un 10% máis. Os contratos coa industria tamén creceron en máis dun 50%, pasando dos 129 entre 2013-2015 aos 198 no seguinte período. 

Neste acto estiveron presentes tamén Jesús M. Míguez, decano de Bioloxía e Ignacio Pérez Juste, decano de Química, que puxeron en valor a continuidade deste simposio como punto de encontro interdisciplinar de novos investigadores no eido da biomedicina. O decano de Bioloxía resaltou a importancia da investigación biomédica por tratarse dun campo que transcende o traballo de laboratorio e proporciona coñecemento científico “en relación aos problemas que afectan á saúde das persoas e preocupan a toda a sociedade e arredor dos que os gobernos fan enormes investimentos”. Pola súa banda, o decano de Química resaltou a xuventude dalgúns dos investigadores que participan nesta xuntanza anual que teñen a oportunidade de establecer contacto con investigadores destacados das súas áreas, que participan neste congreso como convidados como é o caso de Carmen Álvarez Lorenzo, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; Alejandro Baeza, da ETSI Aeronáutica e do Espazo da Universidade Politécnica de Madrid; Ángel Díaz-Lagares, do Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela; Nuria Martínez Saez, da Utrecht University e do CIC biomaGUNE de San Sebastián; Carla Oliveira, do I3S da Universidade de Porto; Roberto Piñeiro, responsable da liña de modelización de cancro da Unidade Mixta Roche-Chus ou María Xosé Rodríguez- Álvarez, do Basque Center for Applied Mathematics. Entre outros temas, estes científicos e científicas presentaron estudos sobre os biomarcadores epixenéticos no cancro, o desenvolvemento dunha vacina baseada en hidratos de carbono ou os determinantes moleculares do cancro gástrico.