DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas 35 Jornadas de Gerencia Universitaria organizadas impulsadas pola CRUE

200 especialistas analizan en Vigo os retos de futuro na xestión dos recursos das universidades

A conferencia inaugural afondou nun modelo universitario baseado na innovación e non só no emprendem

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/09/2017

200 representantes de universidades públicas e privadas de todo o Estado reúnense dende este mércores e ata o venres en Vigo nas 35ª Jornadas de Gerencia Universitaria, unha edición organizada pola Universidade de Vigo que se centra en analizar os retos na xestión das universidades e en perfilar estratexias de futuro. Ao longo destes tres días abordaranse temas como a xestión dos recursos, a contabilidade analítica, as ferramentas de boas prácticas na xestión económico-administrativa das universidades ou a profesionalización desta tarefa, así como as técnicas de negociación no eido público ou a importancia de capacidades como o liderado, a xestión de equipos, etc. Outros dos temas centrais das xornadas son os retos de futuro e para a súa análise desenvolveranse mesas de debate sobre administración electrónica, ciberseguridade, xestión das infraestruturas ou xestión enerxética sostible. A investigación e a transferencia do coñecemento serán outro dos eixos das xornadas, con mesas redondas sobre as políticas activas de apoio á investigación, a xestión da investigación desconcentrada, o ciclo de vida da EBT ou os modelos de relación entre o sector público e o privado, achegando tanto a perspectiva do persoal investigador como a xurídica, autonómica e institucional.

Os encargados da inauguración das xornadas foron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o xerente da Universidade viguesa, Manuel Fernández Jáuregui e o xerente da Universitat de Lleida, Josep M. Sentís. O reitor agradeceu a confianza depositada pola CRUE na Universidade de Vigo para a organización das xornadas e reivindicou o traballo xerencial “que sempre ten sido moi difícil”, pero especialmente cando “a euforia europea dos primeiros anos 2000 co Sistema Europeo de Contabilidade deixou paso á crise”. Mato referiuse ás “normas impostas que as xerencias universitarias tiveron que acatar” nunha contorna na que as achegas públicas eran cada vez menores. Foi “unha época complicada para o financiamento público das universidades, pero que o resultado fose positivo, racionalizando o gasto e sumando novos ingresos, é un mérito enorme que hai que recoñecer”. De cara ao futuro demandou novos modelos que permitan recuperar a autonomía universitaria, para o que considera necesario “demostrar que somos capaces de ser autónomos e conseguir que a cidadanía sexa consciente de que cada euro que se inviste nas universidades é unha inversión, tanxible e intanxible, e as dúas cousas sumadas fan que poidamos traballar para unha sociedade mellor”.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tamén puxo en valor o papel dos equipos de xerencia, “o motor, a parte non visible das universidades, pero a súa xestión posibilita e fai viable o seu funcionamento para cumprir a súa misión dentro da sociedade”. O conselleiro fixo fincapé tamén en que as universidades xestionan “bens e recursos públicos, responden ante a sociedade que é a que achega estes recursos, escasos e limitados, e esa é unha enorme responsabilidade”. Por ese motivo remarcou que as universidade actuais deben estar sempre ao servizo da sociedade, respondendo ás súas demandas, transferindo coñecemento e innovación e cambiando ao tempo que o fai a sociedade, por exemplo adaptando o mapa de titulacións. Tamén Ernesto Pedrosa quixo recoñecer o traballo dos equipos xerenciais, “aliados para avanzar na transformación, modernización, transparencia e valorización das universidades e moi necesarios nunha España na que ás universidades, como a tantas outras cousas, lles poñemos demasiadas raíces e lles concedemos escasos ventos”.

Máis que universidades emprendendoras, universidades innovadoras

O programa abriuse coa conferencia de Sara Fernández, profesora de USC, que propuxo un modelo de futuro para as universidades españolas baseado na innovación, como un paso máis aló do modelo baseado no empredemento. “A presión sobre as universidades é cada vez maior e, tras 30 anos de constante transformación, aínda ven máis”, avanzaba. “Ser emprendedores non basta, temos que deseñar un cambio de paradigma” que leve a innovación a todas as dimensións das universidades: aos sistemas de ensino e aprendizaxe e á investigación, ao modelo de I+D, á transferencia e á relación cos stakeholders, dende empresas a medios de comunicación, gobernos, estudantes, etc. Fernández explicou que a clave deste modelo está na rendibilidade, “trátase de que a institución mediante a innovación continua contribúa ao desenvolvemento e mellora permanente da sociedade a través do coñecemento, creándoo ou difundíndoo” e esta innovación, explicaba, é o resultado de sumar “emprendemento, novidade e rendibilidade”.

Programa de traballo simultáneo

Tras o relatorio inaugural deste xoves tivo lugar unha mesa redonda sobre a rendibilidade social da universidades, tanto dende o punto de vista empresarial, como das asociacións e do financiador autonómico, na que participaron o profesor da Universidade da Coruña Fernando González Laxe como moderador; Antonio Rodríguez del Corral, director de Innovación de Euskaltel Group; Emilio Pérez Nieto, presidente de UNVI; Miguel Corgos, director xeral de planificación económica e orzamentos da Consellería de Facenda; e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación.

Mañá xoves as actividades trasladaranse ao campus, con diferentes localizacións (Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Reitoría, edificio Miralles, MTI e Citexvi) para abordar cinco temáticas en paneis simultáneos sobre xestión de recursos, profesionalización, retos na xestión da administración electrónica, infraestruturas e investigación e transferencia. O derradeiro día, de volta á sede de Afundación, a xornada comezará cun relatorio sobre As regras de xogo como desafío permanente na transferencia de coñecemento e continuará cunha mesa redonda sobre Modelo de relación entre o sector público e o sector privado, para rematar cunha conferencia do catedrático de Organización de Empresas da Universitat Politécnica de Catalunya Francesc Solé sobre modelos de relación entre o sector público e o sector privado.