DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprenderon olaría, cestaría, a técnica das palilleiras e ata a construír instrumentos musicais tradi

200 estudantes de toda Europa viven en Ourense a Festa dos Erasmus na Terra

O vicerreitor Iván Area amosou o seu desexo de que transmitan a cultura galega nos seus países de or

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 03/06/2010

Paula Motta é unha moza brasileira que se está a pelexar cunha noz para construír un instrumento musical chamado carrizo seguindo as instrucións do musicólogo Pablo Carpintero. “Sempre quixen coñecer a tradición e a cultura galega e a construción de instrumentos musicais con materiais tan accesibles paréceme algo incrible”, declara. Noutra sala a rapaza polaca Michalina Laleko anda a voltas cun cesto feito con varas de vimbio tentando completar o debuxo que segue o material baixo a atenta mirada da cesteira María Xesús Labrador. “A verdade é que non parece difícil”, comenta ao tempo que revela a súa inquietude por saber máis sobre a tradición cesteira en Galicia. Unha opinión ben diferente é a do mozo alemán Tobías Loida, claro que a el tocoulle traballar no burro, un aparello de madeira utilizado polos cesteiros para preparar os materiais cos que facían despois os cestos. “É un traballo artesanal que me gusta porque é relaxante, tranquilo e logo ves o froito do teu esforzo, pero non é tan doado como parece”, asegura. Segundo Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais en funcións da Universidade de Vigo, “os galegos estamos moi orgullosos de selo e do que representa a nosa cultura” e os estudantes Erasmus procedentes das tres universidades galegas tiveron a oportunidade de comprobalo este xoves no campus de Ourense con motivo da celebración de Terasmus, a Festa dos Erasmus na Terra. Preto de 200 estudantes gozaron dun abano de actividades que incluíu a realización de obradoiros sobre oficios artesanais de Galicia, unha visita guiada pola cidade e un concerto do grupo O sonoro maxín.

Libro sobre as técnicas artesanais tradicionais

O vicerreitor Iván Area e a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez, foron os encargados de darlle a benvida aos estudantes Erasmus no transcurso dun acto no que agradeceron a confianza destes mozos e mozas nas universidades galegas para completar a súa formación. “Esperamos que teñades aprendido algo de nós, de Galicia, e que levedes eses coñecementos sobre a nosa terra e a nosa cultura aos vosos países de orixe”, declarou Iván Area. Isabel Pérez, pola súa banda, citou a Séneca e o seu “non aprendemos grazas á escola senón grazas á vida” para subliñar a experiencia que regala o programa Erasmus aos participantes no mesmo. “Estades a vivir unha experiencia que vos ensina para a vida, porque ese debe ser tamén un dos cometidos da universidade”, sinalou.
Así mesmo e no transcurso do acto de benvida os estudantes recibiron como agasallo un exemplar do libro sobre Técnicas artesanais tradicionais, escrito polo antropólogo Xosé Antón Fidalgo Santamariña e pola socióloga Fátima Braña Rey e editado en catro idiomas: galego, castelán, francés e inglés.

Aprender a tocar cunha folla de hedra

Un dos obradoiros que espertou un maior interese entre os estudantes Erasmus foi o impartido polo musicólogo Pablo Carpintero, que lles amosou como construír un instrumento musical, o carrizo, a partir dunha noz; a facer un asubío de abelá e a tocar cunha folla de hedra, “obxectos que poden facer despois eles mesmos con materiais moi accesibles e coa soa axuda dunha navalla”, explicou. O oleiro Agustín Vázquez, pola súa banda, viaxou dende Niñodaguia para explicarlles aos mozos e mozas a alfarería tradicional con barro propio da zona. Tamén impartiron clases a cesteira María Xesús Labrador, que lles amosou algunhas nocións básicas para traballar co vimbio na construción dos cestos e as palilleiras viguesas Alba Barros, Pilar Oya e Carmen Iglesias, que brindaron aos participantes a oportunidade de practicar o punto básico traballando con 12 pares de palillos nunha almofada.

Horas de convivencia e de lecer

A estadía dos estudantes Erasmus no campus de Ourense supuxo para estes mozos e mozas unhas horas de convivencia e de lecer nas que tiveron a oportunidade de coñecerse e compartir inquedanzas e impresións. A brasileira Amanda Hammond, estudante na Facultade de Ciencias de Lugo, amosábase “moi contenta de estar hoxe aquí” pola oportunidade de coñecer a tradición da nosa terra, “que me permitirá ter moitas cousas que contar cando volva ao meu país”, declarou. Coma ela Arstanbek Sagguta, do Kirguistán, e chegado dende a Facultade de Económicas de Santiago de Compostela, que valoraba positivamente o encontro con outros estudantes Erasmus ao tempo que observaba atentamente o traballo das palilleiras. “Parece raro e difícil”, comentaba.