DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun calendario editado pola Área de Normalización Lingüística e ilustrado por Kiko da Silva

2018 chega na Universidade cargado de retranca contra os prexuízos cara ao galego

Salustiano Mato destaca o humor gráfico como “un dos mellores vehículos para potenciar o idioma”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 28/12/2017

A piques de despedir o 2017 a Universidade de Vigo dálle a benvida a 2018 co lanzamento dun novo calendario editado pola Área de Normalización Lingüística e ilustrado nesta ocasión polo artista pontevedrés Kiko da Silva. A idea é seguir a estela iniciada en 2017 co traballo do debuxante Luis Davila, que acadou cifras históricas de impacto en redes sociais, e continuar coa loita contra os prexuízos cara ao galego botando man do humor gráfico, unha ferramenta á que o reitor Salustiano Mato se refire como “un dos mellores vehículos para potenciar o noso idioma, do que nos sentimos tremendamente orgullosos” e tamén para “ridiculizar os múltiples snobismos que seguen a existir a día de hoxe arredor do seu uso”, insistiu Mato, quen aproveitou para agradecer a “inestimable axuda” de Luis Davila e Kiko da Silva para levar a cabo este proxecto.

500 exemplares máis ca en 2017

Mantendo o lema Na Universidade en galego. Sen prexuízos, a ANL volve apostar polo formato dun calendario de parede no que cada páxina é un mes de 2018 e, en cada unha delas, o ilustrador gráfico Kiko Da Silva, introduce unha viñeta na que a través do humor e a retranca presenta diferentes situacións cargadas de prexuízos sobre a lingua e se achegan recursos e estima para superalos. “Trátase de empregar a gracia, o humor e a retranca para chegar á xente e darlle armas coas que loitar contra ese tipo de situacións que xa deberían estar superadas”, explica Paulo Cabral, director da ANL, quen se amosou tremendamente satisfeito polo éxito que tivo o calendario de 2017. “A idea é repetilo de algunha maneira, polo que volvemos apostar por un humorista galego de renome, neste caso Kiko da Silva, que é ademais egresado desta Universidade”, recalca Cabral, quen adianta que, nesta ocasión, se editaron 500 exemplares máis ca en 2017, facendo un total de 2000, que serán enviados ás secretarías e decanatos das distintas escolas, facultades e departamentos. A maiores, todas as persoas que estean interesadas poden descargalo en formato pdf na web da ANL.

Humor que fai cavilar

“Un reto que impón, pero que tamén ilusiona”. Así acolleu Kiko da Silva o encargo da Universidade para facerse cargo do calendario de 2018. “Desde o principio tiven claro que o mellor era empregar unha das fórmulas que ten o noso idioma para comunicar, a retranca”, explica o autor das viñetas de 2018, ao tempo que fai fincapé na importancia de “empregar o humor non só como fin de facer rir, senón de facer pensar e cavilar sobre a sociedade na que vivimos”.

Á hora de sentarse a traballar admite que o lle resultou máis complexo foi dar un abano tan amplo de ideas arredor dun mesmo tema e facelo de xeito distinto a como fixo en 2017 “o amigo e mestre Luis Davila”. “Lamentablemente segue habendo moitas problemáticas arredor do galego, pero tratalo desde puntos de vista distintos, sobre todo xeracionais, é o máis complexo”, recalca Da Silva, ao tempo que sinala que o habitual é que o humorista gráfico faga humor desde o seu propio punto de vista, “pero é máis complexo cando intenta trasladalo a distintos graos da sociedade xa que, non es ti o que está a analizar a situación actual, senón que estás tentando trasladar distintos tipos de persoas da sociedade, tanto galego como castelán falantes”.

O ilustrador gráfico aproveita tamén a súa participación neste calendario universitario para agradecerlle á Universidade “a oportunidade que nos está a dar aos humoristas gráficos para reivindicar a utilización cotiá do humor, máis aló da política, como unha arma máis de defensa cara as agresións do exterior”.

12 meses, 12 temáticas e múltiples estereotipos a derrubar

Desde o mestre que fala ‘un gallego muy cerrado’ á lubina e gallo que non saben como cando eran robaliza e rapante; desde o home que non fala o galego “porque no te lo sé hablar bien” á moza á que de nena non lle falaron galego por prexuízos e cando chega á universidade ‘namora del’... Desde xaneiro a decembro, 12 meses, 12 temáticas, 12 ideas nas que pensar e outros tantos estereotipos que derrubar.