DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Paula Aguión gaña cunha receita de pastel o concurso 'A Cociña do Futuro no 2050'

No 2050 o mundo comerá 'A Torta Boommm…'

O galardón forma parte do proxecto de divulgación 'Comerciencia. Consumir con Ciencia, Comer con Con

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 21/01/2011
Unha receita de cociña ten moita ciencia detrás. Hai que poñer determinadas medidas de cada produto, hai que ter en conta as súas propiedades físicas e químicas para mesturalos ben, hai un proceso de preparación e unhas normas de conservación. Para facer conscientes aos estudantes da ciencia que se agocha detrás da cociña, a Vicerreitoría de Investigación e Transferencia organizou o concurso A Cociña do Futuro no 2050, dentro do proxecto Comerciencia. Consumir con Ciencia, Comer con Conciencia. A receita titulada A Torta Boommm…, de Paula Aguión, foi a gañadora en Ourense.

“Este concurso forma parte das actividades de Comerciencia, Consumir con Ciencia, Comer con Conciencia, un proxecto de divulgación que organizamos co obxectivo final de amosar aos estudantes da ESO que a ciencia non é algo estraño, senón que está detrás de todas as accións cotiás que facemos” salientou a vicerreitora Mª Victoria Jato na entrega este venres dos galardóns. En Comerciencia, alumnos de sete centros de Ourense e Lugo participaron en diferentes visitas e obradoiros sobre alimentación no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, no Centro Tecnolóxico da Carne e no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación.

Para completar estas actividades, os organizadores de Comerciencia convidaron aos estudantes participantes a presentar a súa visión sobre a maneira de cociñar e alimentarse en 2050. Tiñan que facelo a través dunha receita ou debuxo no que plasmasen ademais os coñecementos adquiridos durante o desenvolvemento das visitas e obradoiros. Dentro do concurso, concedeuse un primeiro premio e accésits para Lugo e outros para Ourense.

Espertando a curiosidade

A proposta de Torta Boommm... de Paula Aguión, estudante do IES Julio Prieto Nespereira, foi a gañadora en Ourense. A súa receita de pastel leva 125 gr. de fariña, 5 ovos, 125 gr. de azucre, 1 cullerada de vainilla e un chisco de sal. Con estes ingredientes Aguión deseñou todo o proceso necesario para obter unha torta-xeado, orixinal polo seu formato e “explosiva” polos seus ingredientes. O seu esforzo por intentar aplicar conceptos da ciencia na creación e explicación receita e por buscar elementos innovadores valeulle o primeiro premio, dotado con un Ipod. Do mesmo centro educativo foron galardoados con accésits, dotados cunha pulseira USB, Lucía Vázquez e Noelia Domínguez. Tamén de Ourense pero do IES 12 de Outubro, levaron cadanseu accésit Nerea González, Óscar Rodríguez e Aitor González.

“A experiencia é tremendamente interesante para os rapaces. As actividades que fixeron en Comerciencia conseguiron espertarlles a curiosidade, motivalos a facer preguntas, a observar e a traballar e iso é moi difícil de acadar en estudantes tan novos”, salienta a profesora do IES Julio Prieto Nespereira Aurora Salgado.

Polo que respecta a Lugo, todos os gañadores pertencen ao IES Basanta Silva de Vilalba, sendo o primeiro premio para Laura Prieto, por un proxecto de granxa vixiada por robots. Levaron accésits María Díaz, Nerea López, María Ramudo, Enrique Sánchez, Alberto Sanmartín e María Trastoy. O pasado martes fóronlles entregados os agasallos nun acto celebrado no Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo.