DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escolas e facultades acolleron actos de benvida ao novo alumnado

2229 novos estudantes estrean a oferta de graos da Universidade de Vigo

Hoxe tamén comezaron as clases para o resto de cursos dos graos e mestrados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 21/09/2009

2229 estudantes inician hoxe nos tres campus unha nova etapa na recente historia da Universidade de Vigo. E é que estes máis de 2000 estudantes matriculados, ata o de agora no primeiro curso das titulacións con límite de prazas, son na súa maioría, os pioneiros en estudar os 23 novos graos adaptados ao EEES que desde hoxe se imparten nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. A renovada oferta que por mor do proceso de adaptación a Boloña comeza a impartirse este curso na Universidade de Vigo, convivirá, aínda así, coas enxeñarías e a licenciatura en Física que agardarán ao curso que ven para transformárense en graos.
Os datos amosan un incremento do 5,6% con respecto ao mesmo período do curso anterior e en campus como o de Pontevedra, onde hai matriculados 631 estudantes, tan só hai prazas vacantes en Belas Artes, Actividade Física e do Deporte e Xestión e Administración Pública. Moi distinto é o caso de Vigo, onde hai 1402 estudantes matriculados en primeiro curso e tan só ten pechadas tres titulacións (Tradución-Interpretación na rama español-inglés; Enxeñaría de Minas e Enfermaría do Meixoeiro). No caso de Ourense, con 526 estudantes de novo ingreso, Educación Infantil, Educación Primaria e Enfermaría son as titulacións que xa teñen todas as prazas cubertas. A esta oferta hai que engadirlle as titulacións de matrícula inmediata e as propias da Universidade de Vigo: Graduado Universitario en Información Técnica do Medicamento en Ourense e Deseño Téxtil e Moda en Pontevedra.
Os estudantes que realizaran a semana pasada a selectividade coñecerán as cualificacións este venres e terán do 28 ata o 30 para preinscribirse naquelas titulacións nas que aínda haxa prazas. O primeiro prazo de matrícula estará aberto do 6 ao 8 de outubro, se ben, haberá tres novos chamamentos á matrícula ao longo de todo o mes e, posteriormente, habilitaránse prazos especiais naquelas titulacións que conten aínda con vacantes.
Pero non só este luns 21 de setembro é xornada de ingreso na aulas para o alumnado de primeiro curso, tamén é día de reencontro para o estudantado de resto de cursos, así como para os matriculados nalgún dos 65 mestrados que conforman unha oferta claramente renovada e reforzada respecto de anos anteriores.

Impresións do novo estudantado e dos equipos decanais

Todas as facultades do campus ourensán, agás Ciencias da Educación que o fará mañá, deron hoxe a benvida aos novos estudantes que por primeira vez pisan as aulas universitarias. Nervios e emoción vivíronse nos primeiros momentos, sentimentos que tentaron calmar os equipos decanais dando resposta a todas as dúbidas. Na Facultade de Ciencias o decano, Pedro Araújo destacou que a clave deste curso é “Boloña, Boloña e outra vez Boloña. Ver como se inicia o proceso de adaptación dos títulos e encaixalo como un ano académico normal”. Neste punto tamén coincidiu o director da ESEI, Enrique Barreiro, que sinalou como desafío“á implantación con éxito do novo grao”.Un dos alumnos da titulación, Jorge Ruiz, manifestou sentirse “moi a gusto nesta xornada de benvida”. Pola súa banda, no Edificio Xurídico-Empresarial as presentacións foron por partida dobre, unha para os estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e outra para os da Facultade de Dereito. Miguel Ángel Michinel, decano deste último centro, coincidiu cos seus homólogos en que “é o primeiro ano que imos ter os estudos adaptados ao novo sistema e agardo que todo saia o mellor posible”.
Coas titulacións de Belas Artes, Fisioterapia e Dirección e Xestión Pública totalmente adaptadas ao EEES e os graos en Educación Infantil, Primaria, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, que implantan os novos plans nos seus primeiros cursos, no campus de Pontevedra a palabra “perdidos” foi a máis escoitada neste inicio de curso entre os novos estudantes. A atracción polas materias que integran os estudos de Comunicación Audiovisual, segundo comentaba Rocío, ou a combinación de “atención ao público e coñecementos de anatomía”, como apuntaba Elena, estudante de Fisioterapia, foron claves para a escolla das carreiras que cren que superarán sen problemas. “Non supón un cambio de rutina, senón comezar desde cero”, comenta Rubén, que inicia os seus estudos de Publicidade e Relacións Públicas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cuxo decano, Xulio Pardellas, cualificou no acto de benvida ao novo alumnado o reto que se lles presenta de “desafío interesante”. Para o director da EU de Fisioterapia, Manuel Gutiérrez, o reto do novo curso pasa por “implantar os catro anos do grao e mailo curso de adaptación ao grao para fisioterapeutas”. Pola súa banda José María Cancela, decano de Ciencias da Educación e do Deporte destaca a importancia das infraestruturas xa que en pouco tempo comezarán a empregar o novo laboratorio “e o alumnado xa non terá que desprazarse a outros centros para desenvolver as prácticas que son fundamentais para a inserción laboral”.
Xa no campus de Vigo, unha oferta exclusiva no Sistema Universitario Galego é a que cursan desde hoxe os estudantes de primeiro curso da Facultade de Filoloxía e Tradución que como as ourensás María Nieves e María Estévez tiñan moi claro o que querían estudar e onde, “tiñamos a oportunidade de irnos fóra de Galicia pero preferimos quedarnos”. No acto de benvida ao novo alumnado o equipo decanal de Filoloxía destacou que este é o centro que máis estudantes envía e recibe do estranxeiro. Pola súa banda, Luís Muñoz, decano da Facultade de Química, achegoulle ao novo estudantado o desenvolvemento e a estrutura do curso. Aínda que a maior parte de decanos e directores, como o de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego, coinciden en sinalar que “o grao para nós significa unha aposta grandísima”, noutros centros aínda se está a traballar para a súa posta en marcha o vindeiro curso. Patricio Sánchez, director da EUE Empresariais, sinala que neste ano, ademais de “levar a bo fin a titulación da diplomatura, confeccionaremos a memoria do Grao en Comercio”. Nas propostas dos novos graos tamén se traballa nas tres escolas do campus de Vigo. “O reto é conseguir que o grao sexa o mellor posible”, explica Luís Piñeiro, director da ETS de Enxeñeiros Industriais. Edita de Lorenzo, directora da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, amosábase contenta coa proposta do novo grao, “agora temos un tempo para emendar as alegacións”. Pola súa parte, o director da ETS de Enxeñaría de Minas, Pedro Arias, apuntaba que para implantación do Grao en Enerxía “dependemos da decisión final do Consello de Universidades”.

1579 docentes, 745 PAS e eleccións en once centros

O cadro de profesorado para este novo curso está composto por 1579 docentes, dos cales 870 son funcionarios, 37 interinos, 446 asociados, 39 axudantes, 17 profesores axudantes doutores, 162 contratados doutores, 3 eméritos, 3 lectores de idiomas, 1 profesor propio e 1 visitante. No tocante ao persoal de administración e servizos, a cifra é de 745. Deles, 392 son funcionarios e 353 son persoal laboral.
Ao longo do novo curso, once centros celebrarán eleccións á dirección ou decanato. No que resta de 2009 elixirán representantes na EU de Enxeñaría Técnica Industrial en Vigo e na Facultade de Belas Artes e na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte en Pontevedra. Xa no vindeiro 2010 haberá eleccións nas facultades de Bioloxía, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias do Mar, Química, na ETS de Enxeñeiros Industriais, na EU de Estudos Empresariais e na ETS de Enxeñaría de Minas, no campus de Vigo. En Pontevedra, renovarase a dirección da EU de Fisioterapia.

Novas infraestruturas para os campus

Máis alá das obras que por causa do adaptación ao EEES leváronse a cabo en escolas e facultades da Universidade de Vigo, nos tres campus desenvolveranse ao longo do curso que hoxe comeza diferentes actuacións encamiñadas a mellorar as infraestruturas coas que conta a institución académica.
Así no campus de Ourense construirase o campus de fútbol-rugby e a pista de atletismo, ao tempo que se desenvolverán diversas actuacións do proxecto de urbanización do campus. Ao longo do curso tamén está prevista a construción dun novo edificio administrativo.
No campus de Pontevedra mentres a construción do Edifico das Artes continúa pendente da decisión que adopte o goberno municipal, sairá a concurso a construción dunha gardería e executaranse obras en aulas, laboratorios e vestiarios na Facultade de Ciencias da Educación.
Mentres, no campus de Vigo trala recente posta en servizo da biblioteca de Ciencias, prosegue a construción do novo Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación (CACTI) e dos módulos biosanitario e tecnolóxico industrial. A construción dunha gardería e dos centros de investigacións biomédicas e de investigacións tecnolóxicas, son outras actuacións previstas no campus vigués.