DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición 'El Pliego', resultado dun proxecto internacional coordinado polo grupo dx5

224 obras chegadas de once países despréganse na Sala X

Un coloquio reuniu este venres ás coordinadoras da iniciativa en tres dos 17 centros participantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 28/04/2017

224 pregos de papel convertidos en obras por alumnado de 17 centros formativos e de investigación de once países, integran a exposición El Pliego / Le Pli / A Folder que ata o 2 de xuño poderá visitarse na Sala X, da Facultade de Belas Artes. Estes traballos, realizados con diferentes técnicas gráficas que permitisen a súa reprodución, son o resultado do terceiro encontro internacional de interacción gráfica e edición El Pliego / doble desdoblado, que coordinaron as investigadoras do grupo dx5 Ana Soler e Anne Heyvaert e que dá pé ao longo deste 2017 a diferentes exposicións, nalgúns casos simultáneas, en cada un dos centros participantes.

Mostras que, como lembra Soler, serán diferentes aínda que teñan como punto de partida as mesmas obras, compiladas nun libro por este grupo de investigación. “Os elementos son iguais, pero en cada lugar vanse ordenar dunha maneira diferente”, salienta dunha iniciativa na que o punto de partida era intervir sobre as catro caras dunha folla pregada empregando “técnicas gráficas que permitisen a súa reprodución, tanto artesanais, como industriais ou dixitais, ou a combinación de ambas”, como engade Heyvaert.

Na procura de afinidades máis aló da procedencia

Un dos requisitos do proxecto é que as obras non tivesen sinatura de tal xeito que a montaxe desta exposición partiu do despregue do conxunto de obras sobre o chan da sala. “O que fixemos foi unha especie de acción artística, na que convidamos aos colaboradores e algúns alumnos, puxemos todo no chan e cada quen foi escollendo por temáticas, afinidades, conceptos, acabado visual e facendo unha especie de agrupacións para transmitir diferentes mensaxes”, sinala Soler. “É curioso como de repente uníronse obras mesmo bastante parecidas chegadas de lugares moi diferentes”, engade Heyvaert da organización dunha exposición na que os pregos foron pendurados nas paredes da sala en diferentes bloques, “como nunha gran nube con varios núcleos”.

“Hai bloques sobre a idea física do pregue, que tratan cuestións relacionadas coa muller, que teñen unha imaxe máis próxima ao cómic ou a publicidade, outros centrados máis en temas de denuncia social...”, relata Heyvaert das relacións que se foron establecendo entre as 224 pezas dunha exposición inaugurada na tarde deste xoves, nun acto que contou coa participación do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e do coordinador da Sala X, Ignacio Barcia. “Unha das liñas de traballo da sala é presentar proxectos que se xeran nos grupos de investigación ou dentro do labor docente da Facultade e da Universidade”, salienta Barcia dos resultados deste encontro internacional, que nas súas dúas anteriores edicións, A miniatura e Comptimes, Rimas por el mundo, coordinadas desde Bélxica e Canadá, xa dera lugar a exposicións neste espazo.

El Pliego reúne pregos chegados desde Arxentina (Proyecto´ace e Escuela Superior Rogelio Yrutia), Bélxica (Académie Royale de Beaux-Arts de Liexa e colectivo Impressions), Canadá (Universidade de Québec à Trois-Rivières e Alberta College of Art and Design), Dinamarca (Aarhus Kunstakademi), Francia (Escola Superior de Arte de Nord-Pas de Calais), México (Universidad Nacional Autónoma de México DF e Autónoma de Ciudad Juárez), Portugal (Universidade do Porto), Serbia (Academia de Belas Artes de NoviSad e Universidade das Artes de Belgrado), Taiwan (National Chiayi University), Estados Unidos (Universidade de California Santa Cruz), da Complutense de Madrid e da propia Facultade de Belas Artes. Este centro está representado neste proxecto por Alejandra Lago, Ana Miguélez, Brais Romero, Eric Nogueira, Félix Carpio, Jorge Santiago, José A. Santiago, Juan Gómez, Lidia Mene, Lucía Pulleiro, María Prada, Marina Fernández, Óliver Alonso, Sandra Muniz, Silvia Marra, Tatiana Lameiro, Yatir Fernández e as propias Heyvaert e Soler.

O prego desdobrado como ferramenta docente

A inauguración da exposición viuse sucedida este venres por un coloquio que reuniu ás responsables deste proxecto e as súas coordinadoras en tres dos centros participantes, Chantal Hardy, da Académie Royale des Beaux-Art de Liège, Carmen Hidalgo da Complutense de Madrid e Graciela Machado, da Facultade de Belas Artes do Porto, co propósito de analizar esta iniciativa como recurso docente e de investigación. “É un pouco saír da cápsula, que o mundo chegue a ti en vez de que teñas que ir ao mundo”, salienta Hidalgo Cisneros dun proxecto que xera “unha especie de rede de traballo que expande o campo de exploración para o alumnado e de investigación posterior”.

Nese senso, Hardy incide en que El Pliego permitiu aos e ás participantes “explorar todas as técnicas de impresión gráfica que lles permiten expresarse máis aló das palabras”, tendo en conta de que a súa obra chegará a diferentes partes do mundo. “Os proxectos baseados nun formato partillado son fundamentais, porque confrontan o que o estudante fai co outro”, engade Machado dunha iniciativa que, máis aló das propias montaxes, “que nunca van ser iguais”, obrigou tamén aos participantes a ter en conta á hora de plasmar “os seus intereses estéticos ou as súas poéticas” que o resultado “vai dialogar e se vai confrontar” con obras que non coñece.