DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Deputación de Ourense renovan o seu compromiso de colaboración

231.200 euros para cultura, mobilidade e I+D

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/03/2011
En tempos de crise económica un dos primeiros ámbitos onde se producen recortes é no cultural. En contra desta tendencia, a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense veñen de renovar o seu compromiso coa cultura no campus e na cidade de Ourense coa sinatura do convenio anual de colaboración entre as dúas entidades. O acordo, que ascende a 231.200 euros, permitiralle ao campus desenvolver a súa intensa programación cultural e apoiará a mobilidade de estudantes e o traballo dos grupos de investigación ourensáns.

“Nas datas nas que estamos a sinatura deste convenio ten unha importancia máis relevante ca noutros anos de bonanza económica. A pesar da crise vamos a poder manter as actividades culturais do campus” salientaba durante a sinatura do convenio Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. Por este motivo, Mato quixo agradecer “a aposta estratéxica da Deputación de Ourense pola Universidade do sur de Galicia” e recoñecer a atención que desde esta institución se lle presta ao campus de Ourense.

Pola súa banda, José Luis Baltar, presidente da Deputación ourensá, recoñeceu “que son momentos difíciles pero a nosa axuda á Universidade é un dos principais cometidos que temos e do que estamos máis orgullosos”. Deste xeito reafirmou o compromiso da súa entidade por seguir potenciando a colaboración coa institución académica, coa convicción de que “potenciando a nosa Universidade estamos potenciando unha industria limpa, o coñecemento”.

Tres liñas de acción

O convenio recolle a vontade común de ambas institucións, dentro das súas competencias, de colaborar no desenvolvemento de actividades de difusión do coñecemento e da cultura que redunden en beneficio da comunidade universitaria e dos ourensáns en xeral. A Deputación achegará a cantidade total de 231.200 euros que se destinarán a tres liñas principais de acción.

Deste xeito, o acordo financiará a programación de actividades de extensión universitaria, cursos de verán, conferencias, seminarios, obradoiros e exposicións, roteiros culturais, actividades teatrais e demais accións culturais que organiza o campus de Ourense, con citas como a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense que comeza o día 1 de abril. Ademais, o convenio financiará o programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus de Ourense integrado no programa ERASMUS e o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (InOu 2010-2011).

A este convenio sumaráselle proximamente a sinatura dun segundo entre as dúas institucións que incrementará ata un total de 260.000 euros os acordos de colaboración entre a Deputación de Ourense e Universidade de Vigo.

Turismo

A preguntas dos xornalistas, os responsables das dúas institucións tamén reafirmaron a súa satisfacción porque finalmente non se debatese no pleno do Parlamento de Galicia o proxecto non de lei 08/PNP-1066 (61152) que contemplaba a transformación dos actuais estudos do Centro Superior de Hostalería en titulacións oficiais da Universidade de Santiago. Salustiano Mato asegurou que ese debate “non procedía sen o mapa de titulacións aberto e sen un estudo previo” polo que cualificou de “sensata e correcta” a decisión do Parlamento. Pola súa banda, José Luis Baltar quixo salientar que “non por provincialismo senón por sentido de responsabilidade temos que estar en contra” desta transformación e reafirmou o seu apoio aos estudos de Turismo do campus ourensán.