DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actos de graduación de Tradución e Interpretación, Química e Administración e Dirección de Empresas

234 novos profesionais din adeus á vida universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 08/06/2012
Un mestura entre tristura e ilusión, sobre todo ilusión, a pesares da contorna económica. Isto era o que reflectían as facianas dos 234 novos titulados que este venres se despediron da súa andaina universitaria para dar un paso máis de cara ao seu futuro laboral. O campus vestiuse de gala para despedir aos 89 alumnos e alumnas de Tradución e Interpretación, os 21 de Química e os 124 de Administración e Dirección de Empresas. Mentes, no Centro Cultural Novacaixagalicia tivo lugar o acto de graduación de 200 estudantes da 39 ª promoción da Escola Universitaria de Maxisterio na que Mª Fernanda Piñero foi a madriña en representación do profesorado de Educación Primaria e José Luis Holgado o padriño en representación dos profesores de Educación Infantil.

Os primeiros en dicir adeus ás aulas esta tarde foron xa titulados en Tradución e Interpretación e fixérono acompañados de familiares e amigos e arroupados polo vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, e a vicedecana de Relacións Exteriores da Facultade de Filoloxía e Tradución. Os responsables académicos animáronnos a comezar unha nova etapa e lembráronlles que na Universidade terán sempre a súa casa.Os mesmos ánimos fóronlle transmitidos polos padriños da súa promoción, os profesores Elena Sánchez e Santiago Gómez, que fixeron un repaso polo que sucedeu no mundo nos cinco anos que esta décimo sexta promoción pasou nas aulas da facultade. En seis idiomas diferentes repasaron anécdotas e coñecementos e lembraron que neste 2012 celébrase o vixésimo aniversario da licenciatura de Tradución e Interpretación no campus vigués. É, de feito, a promoción que se graduou este venres, a penúltima que o fai como licenciatura, antes da adaptación definitiva ao grao adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior. Sánchez e Gómez animaron aos titulados a loitar e esforzarse polos seus soños, “porque non vos podemos dicir que as cousas fóra son sinxelas, pero tedes que traballar polo que queredes, afrontar os desafío e nunca rendervos”.

E en Química e en Ciencias Económicas e Empresariais...

Pouco máis tarde botou a andar o acto de graduación da titulación de Química, no que outros 21 mozos e mozas se despediron a Universidade na que pasaron os últimos anos. Con eles, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo e a decana do centro, Soledad García Fontán, que felicitaron a esta décimo sexta promoción de Química polo traballo ben feito, igual que o fixo o padriño que eles mesmos elixiron, o profesor Antonio Ibáñez Paniello. No transcurso do acto o docente Eduardo Freijanes Rivas impartiu unha conferencia titulada As cores da Química que, de xeito didáctico e animado, percorreu a presenza e importancia das cores nesta disciplina ao longo da historia.

Á mesma hora que na Facultade de Química, na de Ciencias Económicas e Empresariais comezaba tamén o acto de graduación da titulación de Administración e Dirección de Empresas. Un evento que contou coa presenza de José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento; Santiago Gómez Fraiz, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Xoan Santamaría Conde, decano do Colexio de Economistas de Pontevedra e Manuel Rodríguez Vázquez, presidente do grupo Rodman e padriño da promoción. Neste acto recibiron as súas banda acreditativas os 124 alumnos e alumnas aos que agora lles tocan comezar a percorrer a senda laboral nun mundo en proceso de cambio no que tentarán atopar un oco. Dende a mesa de autoridade recibiron o alento e o ánimo necesaria “para comezar esta nova etapa chea de desafíos e retos” e lembráronlles, igual que nos outros dous actos de graduación, “que a Universidade de Vigo sempre será a vosa casa”.