DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebrou a súa graduaci

236 novas oportunidades de mellorar a sociedade

A autoridades académicas animaron aos novos titulados e tituladas a seguir ampliando a súa formación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 05/06/2014

“Cada un de vós representa unha oportunidade de mellorar a sociedade”. Con estas verbas animaba a decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, a encarar con ilusión a nova etapa que agora se abre para os 236 novos titulados e tituladas nos tres graos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. No ateigado auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, 88 graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, 81 titulados en Educación Infantil e 67 novos egresados en Educación Primaria compartiron un festivo balance de catro anos de esforzos cos seus familiares e docentes.

Tanto o deporte como a educación son dous eixos fundamentais nos que se sustentará o futuro do campus, a través do proxecto de especialización do Campus Crea, como lembrou o reitor, Salustiano Mato, responsable de presidir un acto no que foron constantes as verbas de ánimo para os novos titulados e tituladas, aos que as autoridades académicas convidaron a mirar con esperanza o seu futuro e a continuar a súa formación nos ámbitos que lles resulten máis atractivos. Xunto ao reitor e a decana, tamén sumaron as súas verbas de recoñecemento neste acto o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, que lembrou aos estudantes que “cambiar é crecer”; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez.

Un recoñecemento a anos de esforzo

Nun acto que se abriu coa actuación do coro infantil e xuvenil do Concello de Cambados e que os asistentes pecharon entoando o Gaudeamos Igitur. a decana abriu a rolda de discursos cunhas verbas de recordo aos profesores Juan José Crespo e Marta Patricia Vázquez, e ao alumno Marcos Fandiño, tres exemplos de “valentía e coraxe” que perderon a vida nos últimos meses. E trala lembranza chegou o momento de efectuar un recoñecemento a catro anos de esforzo e dedicación á que é “unha das xeracións máis preparadas”, como salientou o profesor Diego Alonso, padriño da promoción de graduados e graduadas en Educación Infantil.

Nunha liña similar pronunciáronse os padriños de Educación Primaria, Uxío Pérez, e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, José Luis García Soidán, que animou aos novos titulados e tituladas a emprender unha nova andaina “sen perder nunca o voso espírito inquedo e loitador”. Todos eles fixeron tamén extensivo este recoñecemento ao esforzo aos familiares destes 236 alumnos e alumnas, aos que lembraron tamén a importancia social dos campos nos que exercerán como profesionais. Non en van, como lembrou Fariña, nas súas mans está a educación das novas xeracións e poder “axudar a mellorar a vida dos demais” a través do deporte.