DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O censo reduciuse en catro anos en algo máis dun 9%

23.673 persoas elixirán ao vindeiro reitor e aos representantes no Claustro da Universidade

PDI A e B, estudantado e PAS votarán o 20 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/04/2010

913 doutores e doutoras con vinculación permanente á Universidade de Vigo (sector PDI-A); 1096 persoas que forman parte do resto do persoal docente e investigador (sector PDI-B); 20.966 estudantes (sector C) e 698 persoas que integran o persoal de administración e servizos (sector D), poderán exercer o voto o vindeiro 20 de maio para elixir ao novo reitor e ao representantes que integrarán o vindeiro Claustro da Universidade de Vigo. En total, o censo definitivo publicado esta mesma semana está composto por 23.673 persoas das que a maior porcentaxe corresponde ao alumnado, seguido do persoal docente e investigador, os doutores con vinculación permanente á Universidade e o persoal de administración e servizos. Respecto das eleccións celebradas hai catro anos, o censo diminuíu en 2124 persoas, un 9,29% menos, acadando entón os 26.097 persoas con dereito a voto.
O reitor é elixido mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto. O voto é ponderado por sectores de xeito que ao sector dos doutores con vinculación permanente á institución correspóndelles o 51%, ao resto do persoal de docente e investigador o 9%, ao alumnado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%. A ponderación farase sobre o total de votos válidos.
Pola súa banda o Claustro estará composto por 254 membros: o reitor que o preside; o secretario ou secretaria xeral e o/a xerente; 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade(51%); 23 representantes do resto de persoal docente e investigador (9%); 75 representantes do estudantado (30%) e 25 do persoal de administración e servizos (10%). A elección dos membros do Claustro contará desta volta cunha importante novidade coa finalidade de fomentar a paridade no máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria. Con este obxectivo a Comisión Electoral acordou o pasado mes de marzo establecer que os electores só poidan votar un número máximo de candidatos por cada xénero. En concreto cada elector poderá votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos aqueles candidatos que obteñan maior número de votos.

Próximas citas do calendario electoral

Trala publicación dos censos electorais o mércores 7 de abril, o xoves 8 abriuse o prazo de presentación de candidaturas que se prolongará ata o día 14. O día 23 producirase a proclamación provisional das candidaturas. Una vez finalizado o prazo de presentación de reclamacións o 3 de maio terá lugar a proclamación definitiva. O día seguinte, martes 4 de maio, é a data tope fixada para a presentación do equipo e liñas xerais do programa da cada candidato a reitor e o mércores 5 de maio comeza a campaña electoral que se prolongará ata o día 18. Trala xornada de reflexión do día 19, as votacións en ambos procesos realizaranse o día 20, procedéndose á proclamación provisional de resultados ao día seguinte. O proceso rematará o día 26 coa proclamación definitiva dos resultados. No caso da elección do reitor, caso que fose preciso, o día 27 celebraríase unha segunda votación.