DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes e mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución

24 especialistas internacionais debullan no campus os misterios da poesía actual

Botan unha ollada a súa proxección cultural, social e política e a conexión que mantén con outras a

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 26/04/2011
Estudar os discursos que se asocian á poesía contemporánea e que son detectables tanto dentro dela como no seu contexto inmediato: a súa proxección cultural, social e política; as súas dimensións artísticas e tamén as conexións interartísticas coas artes visuais, coa tradución ou con outras cuestión como os estudos de xénero. Son algún dos temas sobre os que se está a debater noI Congreso Internacional sobre Discurso non Lírico na Poesía Contemporánea, unha cita na que 24 especialistas chegados de diferentes partes do mundo porán en común as súas ideas e pensamentos sobre aquilo que hoxe en día representa a poesía.

Froito dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e no que colaboran investigadoras e investigadores de diferentes universidades galegas, vascas e británicas, o congreso está coordinado polo profesor Bughard Baltrusch, quen durante a inauguración lembrou a importancia de analizar aos cambios que está a vivir a poesía, referíndose así a súa interconexión con outros medios como os electrónicos ou os audivisuais. Tamén neste senso se referiu á dificultade de atopar unha definición axeitada que defina a poesía como xénero literario, por iso, coincidindo coa semana na que se celebra o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal, lembrou a obra de Fernando Pessoa que, “aínda que quizais dun xeito un pouco grandilocuente”, subliñou que posiblemente só hai dúas artes: a escultura, en referencia a imposición da vida á materia material, e a poesía, a imposición da vida a materia mental, mentres que as outras artes serían subtraccións destas.

Filoloxía: “vizoso alcouve de novos poetas”

Á inauguración do encontro asistiron tamén o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas; a decana da facultade, Rosa Pérez, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Arturo Casás, director do proxecto de investigación ao abeiro do que xurdiu o congreso que fixo fincapé na necesidade de explorar “non só as manifestacións multiplicadas da poesía senón tamén o lugar que ocupa o suxeito no mundo actual”.

Pola súa banda, o vicerreitor, que se definiu a si mesmo como un lector impenitente e intermitente de poesía galega e universal, lembrou a aposta da Universidade pola vangarda, pero non só no terreo das novas tecnoloxías, “tamén aposta por ser vangarda ideolóxica, avanzada do pensamento e do repensamento e, moi boa proba deste irmos sempre máis alá, témola na celebración deste congreso”, recalcou, ao tempo que se referiu á facultade, “da que sigo sendo e volverei ser profesor”, como “vizoso alcouve de novos poetas”, en referencia aos novos creadores que están a saír das aulas do centro, “nomes como Lucía Novas, Xabier Xil Xardón, Isaac Xubín, Silvia Penas ou Iago Castro... que en poucos anos serán referentes poéticos das letras galegas”.

Tradición oral

A conferencia plenaria coa que se inaugurou o encontro correu a cargo de Daniel F. Chamberlain da Queen’s University de Canada, especialista de renome en cuestións relacionadas con tradición oral, aspecto no que centrou a súa intervención, na que incidiu en dúas esferas fundamentais: a existencia dunha tradición oral “que ás veces non sabemos onde encaixar” e a que fai a historia cultural e literaria “con todo ese material que non sabe como encaixalo”.

O encontro continuará este mércores con diferentes comunicacións paralelas ás que porá o peche, xa pola tarde, a intervención de Silvia Bermúdez, profesora de español e portugués na University of California en Santa Bárbara co relatorio Amores que matan: love me tender de Ana Romaní y la Ley Contra la Violencia de Género.