DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría organiza, o vindeiro mércores, o concerto didáctico sobre música popular

24 instrumentos para unha viaxe pola tradición musical de Galicia

A cargo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/10/2018

Catro tipos de gaitas, dous tipos de acordeóns, pandeireta, bombo, frautas, requinta e zanfona, pero tamén cunchas, unha tixola ou mesmo culleres. Así ata un total de 24 instrumentos e utensilios empregados para facer música despregaranse o vindeiro mércores 24 de outubro na Casa das Campás da man de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. Nun concerto promovido pola Vicerreitoría de campus e programado para as 20.30 horas, estes dous músicos propoñen unha viaxe pola tradición musical de Galicia sustentada na combinación destes 24 instrumentos para dar forma a un repertorio tradicional no que irán combinando doce instrumentos melódicos e doce instrumentos de percusión, complementado á súa vez cunha compoñente didáctica na que as e os asistentes poderán coñecer as características, a evolución e o xeito no que se tocan os diferentes instrumentos.

Partindo principalmente de cancións tradicionais recollidas en cancioneiros, estes dous músicos propoñen en 24 instrumentos populares galegos un achegamento a esta selección de pezas tradicionais sustentada “en buscar parellas de instrumentos que sexan afíns”, como sinala Vaamonde dun proxecto no que, por exemplo, a gaita se combina co charrasco e o acordeón coa ocarina. Cunha extensa traxectoria no ámbito da música tradicional galega, como fundadores e colaboradores de grupos como Leiladoura, Luvas Verdes, Vaamonde, Lamas & Romero, Xaracandaina ou Aliboira, estes dous músicos propoñen neste proxecto unha serie de combinacións que por unha banda achegan ás pezas “unha sonoridade diferente” e, por outro, permiten ao público ver “cal é a súa función e o seu son natural”, ao que contribuirán tamén, engade Vaamonde, ás características da propia sede da Vicerreitoría, “onde sen necesidade de amplificación vese de verdade a cor, o timbre e a sonoridade real dun instrumento”.

Tradición e evolución

Nun proxecto definido pola “versatilidade”, xa que combina a música cunha compoñente didáctica, Romero e Vaamonde buscan tamén “amosar a riqueza e variedade de todos os instrumentos que temos e as posibilidades que teñen actualmente”. De feito, entre esta serie de 24 instrumentos figuran tanto “replicas de gaitas de hai preto de 150 anos”, instrumentos orixinarios de Galicia como o asubío como outros elementos tradicionais “moi evolucionados”, de tal xeito que o concerto permita afondar tamén en como diferentes avances técnicos abren novas posibilidades á música popular, como apunta Vaamonde. De feito, entre esta serie de 24 instrumentos figuran tanto “catro gaitas con sonoridades totalmente diferentes”, como aparellos que serven para facer música, como unha tixola ou unha lata de pemento moído, “recursos que antes eran apeiros e agora xa están tratados musicalmente".

Con entrada libre ata completar aforo, o concerto promovido pola Vicerreitoría coincide así mesmo co inicio dun novo curso na Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que, co músico e profesor Luís Sánchez Bolón como docente, reúne cada semana na Escola de Enxeñaría Forestal tanto a persoas que queren iniciarse como ampliar os seus coñecementos no eido da música tradicional.